O comité de Emafesa anuncia mobilizacións en demanda dun convenio que garanta salarios dignos

A primeira protesta será o 29 de maio, ás 18h, diante do Concello de Ferrol
Ferrol - 23 Mai 2025

O comité de EMAFESA (empresa mixta que xestiona o servizo de auga do Concello de Ferrol) compareceu en rolda de prensa esta mañá para anunciar a convocatoria de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo que garanta salarios dignos para o persoal. A primeira protesta terá lugar o vindeiro 29 de maio, ás 18:00 horas, do Concello de Ferrol e o comité non descarta a convocatoria de folga se o Consello de Administración segue sen atender as súas demandas.

O Consello de Administración de EMAFESA está presidido polo alcalde de Ferrol, pois o Concello é maioritario neste órgano, ao tratarse dunha entidade formada polo Concello de Ferrol (51%) e a empresa SOCAMEX S.A.U (49%).

O presidente do comité, José María Mata (CIG), denuncia que logo de moitos meses negociando o novo convenio colectivo, a empresa de xeito consensuado co concello de Ferrol, presentou unha proposta “que en absoluto resolve os problemas do persoal. Nin incide na recuperación do poder adquisitivo perdido, nin garante un sistema de promoción profesional obxectivo e xusto como o que cabería agardar dunha entidade con maioría de capital público”.

Subliña a perda de poder adquisitivo “é unha constante”, xa que os incrementos salariais pactados en convenio “nunca chegan a compensar o aumento real do custe da vida, acumulándose un desfase que lastra a economía das familias traballadoras, mentres os servizos se manteñen sen interrupción nin recortes”. Nos últimos anos, apunta o comité, “o persoal perdeu arredor do 13% do seu poder adquisitivo”.

A este deterioro dos soldos engádese que determinadas persoas acceden a melloras económicas a través de promocións profesionais sen regulación coñecida, sen procesos públicos e sen respectarse o principio de igualdade de oportunidades. Esta situación, apuntan, “xera un fondo malestar entre o persoal, deteriora a confianza interna e perpetúa un modelo que non recoñece nin o mérito nin o esforzo colectivo”.

Despreocupación do Concello

O comité denuncia a posición mantida polo Goberno municipal do PP que nestes meses, en diferentes xuntanzas, manifestou “que non teñen intención algunha de mellorar as condicións laborais do persoal, chegándose incluso a afirmar que por fortuna o persoal sigue a cobrar a fin de mes”. Para a representación legal estas declaracións “impresentábeis” evidencia a preocupante concepción que o Goberno local ten do persoal de EMAFESA, “como se conservar o salario fose un privilexio e non o resultado dun traballo esencial, profesional e continuo”.

Cómpre lembrar que EMAFESA presta un servizo público esencial, e que este se garante “grazas ao compromiso permanente do seu cadro de persoal”. Os traballadores e as traballadoras están presente os 365 días do ano, sexa laborábel ou festivo, de día ou de noite, durante pandemias, temporais ou cortes eléctricos.

“Cada vez que unha persoa abonada abre a billa da súa casa conta cun servizo que se mantén baixo os estándares de calidade exixidos por lei, grazas ao traballo constante de persoas que non contan co recoñecemento nin coas condicións laborais que merecen”, censuran.

Neste contexto, o persoal, de xeito maioritario, decidiu rexeitar a proposta de convenio e iniciar mobilizacións “até acadar un convenio que dea resposta a unha situación que o condena a padecer as condicións de traballo indignas”.

O privado prima sobre o interese xeral

Doutra banda, o comité denuncia que nesta empresa se evidencia o que acontece cando a xestión dun servizo público esencial recae nunha empresa privada: os intereses empresariais priman sobre o interese xeral.

“Esta situación pode derivar en tirapuxas coa administración local, segundo o seu signo político ou prioridades, e pon de manifesto as limitacións dun modelo que en contra do que se nos quere facer crer non garante unha xestión eficiente, transparente nin orientada ao ben común. Neste caso é pública e notoria a nefasta xestión que de EMAFESA ten feito a parte privada”, advirten.