
O comité de Einsa Print alerta sobre un posíbel peche da planta das Pontes

O Comité de Einsa Print manifesta a súa crecente preocupación diante dos indicios que apuntan a un posíbel peche da planta de impresión situada nas Pontes.
Despois de sufrir un ERE traumático hai pouco máis dun ano, a fábrica vén experimentando unha progresiva decadencia promovida pola propia dirección da empresa. Esta situación reflíctese nunha constante perda de carga de traballo, na venda de maquinaria en perfecto estado e no achatarramento doutras máquinas fundamentais para a produción.
O comité leva varias semanas reclamando explicacións e información á dirección sen obter resposta ningunha. Esta opacidade na comunicación non fai máis que aumentar a incerteza e a preocupación entre todo o persoal que traballa na imprenta.
A isto hai que engadir os ruxe-ruxe que están circulando estes últimos días referentes a un posíbel cambio de actividade da empresa e que, de confirmarse, suporían o peche definitivo da imprenta.
A representación do persoal exíxelle á dirección que, dunha vez por todas, aclare o futuro da planta e xa adianta que, “de continuar esta liña escurantista ou se vemos ameazados os nosos postos de traballo, levaremos adiante as mobilizacións que estimemos oportunas”.
Cómpre salientar que Einsa Print é unha empresa que embolsou inxentes cantidades de diñeiro público en subvencións e que, tras Endesa, é a segunda en importancia no que atinxe a número de traballadores e traballadoras na localidade das Pontes.