O comité de Clece, contrata da limpeza de PSA Citroën, convoca protestas contra os incumprimentos da empresa
O comité de empresa Clece, contrata do servizo de limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, vén de convocar unha concentración diante da fábrica de automoción o vindeiro mércores día 15 de 13.00 a 14.30 horas para rexeitar os incumprimentos en materia laboral e para esixir o mantemento do emprego.
Dende a representación da CIG no comité de Clece (8 delegados/as da CGT, 3 da CIG e 2 da UGT) explican que coa mobilización que desenvolverán na entrada principal de Citroën queren denunciar os incumprimentos da dirección en materia laboral, rexeitar os “abusos” aos que están sometidos/as os empregados/as e reclamar o mantemento de todos os postos de traballo.
Así, sosteñen que dende que esta compañía se fixo cargo do servizo de limpeza das instalacións viguesas de Citroën “os arredor de 250 traballadores/as que integramos o cadro de persoal vimos padecendo discriminación e perda de dereitos a pesar de que supostamente fomos subrogados coas mesas condicións laborais que figuran no convenio”.
Ao mesmo tempo, lamentan que esta situación se manteña a pesar das numerosas xuntanzas mantidas nos últimos meses entre a parte social e a dirección de Clece e despois de ter convocado incluso varias xornadas de folga.