O comité de BorgWarner suspende a folga e as mobilizacións tras a empresa retirar o ERE
O comité de empresa de BorgWarner anunciou esta tarde a suspensión da folga indefinida convocada a partir do luns 13 e o calendario de mobilizacións, logo de que na reunión do período de consultas deste xoves conseguiran que a empresa retire o ERE de extinción para 103 traballadores/as. Ademais, acordouse iniciar un período de negociación que se prolongará até o 31 de agosto, para buscar solucións alternativas.
A negociación doutras saídas como baixas incentivadas ou medidas menos traumáticas que os despedimentos "era unha das demandas que lle viñamos facendo dende o comité", explica o seu presidente Luis Lobato (CIG), quen apunta ademais que empresa manobrou para iniciar o período de consultas en pleno período de vacacións, o que dificulta a resposta mobilizadora e a capacidade de presión do persoal.
Ademais, non cómpre perder de vista que a multinacional (dedicada á fabricación de compoñentes da automoción) ten un ERTE por forza maior vixente e presentou o ERE extintivo en pleno proceso de negociación do novo convenio colectivo.
Para informar do acordado coa dirección, este sábado está convocada asemblea xeral de traballadores e traballadoras ás 10 horas, no parque forestal de Zamáns.
Reunión este venres co conselleiro de Industria
Para mañá venres, a representación do persoal ten prevista unha reunión co conselleiro de Emprego e Industria a quen lle pedirán o compromiso da Xunta de Galiza de sentar nunha mesa a tres bandas para a abordar a problemática da fábrica de Vigo. Neste senso, Lobato lembra que BorgWarner recibe cuantiosas axudas públicas para desenvolver produtos nos centros técnicos de Zamáns e Nigrán "que despois fabrica noutros centros de traballo". Por iso, reclama un maior control no uso destas subvencións públicas para que realmente sirvan "para evitar que se produzan despedimentos e perdas de postos de traballo".
Sobre a regulación temporal vixente, Lobato subliñou que aínda que afecta á práctica totalidade do persoal, nestes momentos está traballando o 85% do persoal e no caso do taller xa están incorporados o 90% dos traballadores e as traballadoras. É dicir, hai carga de traballo, pero a empresa pretende aproveitar a conxuntura económica derivada da pandemia da Covid19 para recortar persoal e dereitos.
Abundando nesta cuestión, engadiu que a empresa mesmo ten ameazado con desviar produción a Portugal, polo que entende que non estamos ante un problema produtivo senón "ante unha decisión estratéxica de deslocalizar a produción buscando a maior marxe de beneficio posíbel".