O comité de BorgWarner convoca protestas tras anunciar a empresa que pechará a fábrica de Vigo se non acepta o convenio
A maioría do comité de BorgWarner Emissions Systems España, compañía do sector da automoción con sede en Vigo e na que traballan actualmente 477 persoas, vén de convocar mobilizacións a partir deste luns día 7 tras o anuncio da dirección de que pechará a fábrica no caso de que a parte social non acepte antes do vindeiro 11 de decembro a proposta de convenio da empresa, que contempla numerosos recortes económicos.
A representación do cadro de persoal explica que as negociacións para pactar un novo acordo laboral comezaron novembro de 2019, pero os contactos interrompéronse en xullo e outubro deste ano debido á presentación, por parte empresarial, dun ERE que afectou a 103 empregados/as, o que levou a unha mediación no AGA para finalmente chegar a un acordo de saídas voluntarias.
Os contactos para renovar o convenio reiniciáronse en novembro, establecéndose un mes para chegar a un acordo, que de non producirse as partes someteríanse á mediación a través do AGA.
O pasado mércores día 2, na reunión da constitución da mediación da AGA, a parte empresarial deulle un ultimato á parte social, fixando até o vindeiro día 11 o prazo para chegar a un acordo baseado na aceptación de numerosos recortes económicos.
A empresa anunciou que de non aceptalo, non se lle asignarán novos proxectos á fábrica de Vigo, o que levaría ao seu peche, comezando polo traslado dun proxecto moi importante para a planta que BorgWarner ten en Viana do Castelo.
Fábrica moi rendíbel
Dende a maioría do comité -integrada por cinco das seis seccións sindicais con representación: CIG, UGT, USO, CGT e CCOO- inciden en que a fábrica de BorgWarner en Vigo vén demostrando que é moi rendíbel, con beneficios que medraron aínda máis no período do último acordo en vigor, dende 2016 até 2019, “sendo unha fábrica moi competitiva a nivel económico e técnico”.
Por iso emprenderán todas as accións necesarias, “tanto dentro da negociación como fóra”, para deixar sen efecto o ultimato da empresa co obxectivo de evitar a perda de postos de traballo e lograr un acordo digno. A primeira medida é a convocatoria de mobilizacións a partir deste luns día 7.