O comité de BorgWarner convoca folga indefinida contra o ERE para despedir a 103 traballadores/as
O comité de BorgWarner (dedicada á fabricación de compoñentes do automóbil) anunciou esta mañá o calendario de mobilizacións que ten previsto realizar en contra do ERE presentado pola empresa para despedir a 103 traballadores/as da planta de Zamáns (Vigo). O comité ten convocada folga indefinida a partir do próximo luns, día 13, tanto no centro de Vigo como no de Nigrán e levará a cabo unha rolda de contactos coas administracións e as diferentes forzas políticas para reclamar o seu apoio á loita contra esta desfeita laboral.
A dirección da empresa alega causas produtivas para xustificar o ERE debido á diminución dos proxectos e volumes de vendas dos Coolers EGR e á caída do mercado diésel, "pero mentres a fábrica de Vigo está sendo desposuída de novos proxectos, a fábrica de Viana do Castelo (Portugal) a tan só 70 km de distancia, foi medrando en número de proxectos e na contratación de novos traballadores e traballadoras, até chegar a máis de 1000 empregados/as en 2019".
Neste tempo, subliñou o presidente do comité, Luis Lobato (CIG), na planta BorgWarner de Vigo o persoal eventual foi diminuíndo "e só quedaron as traballadoras e os traballadores indefinidos". Así apuntou que no ano 2017 a factoría contaba de media con 614 traballadores/as mentres que a día de hoxe hai 477 persoas. Para a representación do persoal detrás deste ERE está "a progresiva recolocación da fábrica de Vigo e incluso o futuro peche, buscando a maior marxe de beneficio posíbel".
A empresa ten un ERTE de forza maior vixente
Lobato lembrou que a empresa se acolleu a un ERTE de forza maior motivado pola Covid-19 "que continúa vixente, sendo estendido pola dirección da empresa e pudendo prorrogarse até o 30 de setembro de 2020". Porén, na véspera do comezar o período vacacional, "a dirección aproveitou para comunicar, con data 25 de xuño, o inicio do período de consultas do ERE de extinción".
Para a representación do persoal o expediente de extinción é incompatíbel co ERTE de forza maior vixente, polo que reclamaron das Administracións públicas que inteveñan para frear esta fraude e na defensa dos empregos.
Ademais, Lobato denunciou a mala fe da empresa ao presentar este ERE non só tendo unha regulación temporal vixente, "senón cando se está a negociar tamén o convenio colectivo".
Axudas públicas da Xunta "para densenvolver produtos que se fabrican fóra"
Nesta liña, comité apunta que nas instalacións de Zamáns e nas do polígono de Porto do Molle (Nigrán) se atopan os dous centros técnicos para o desenvolvemento e investigación de novos produtos, "que reciben subvencións públicas por parte da Xunta de Galiza, é dicir que son pagadas por todos os galegos e galegas". Pero estas axudas públicas "só serven para o desenvolvemento de novos produtos que despois se fabrican noutros centros de traballo do grupo BorgWarner (Portugal, India, China, USA, México,…)".
Dende o comité critican a falta de control no uso destas subvencións por parte da multinacional norteamericana pois "non están valendo para evitar que se produzan despedimentos e perdas de postos de traballo na fábrica de Zamáns, como vén ocorrendo nos últimos anos e como se quere realizar agora coa aplicación do ERE para 103 traballadores e traballadoras".
Rolda de contactos cos partidos
A representación dos traballadores e traballadoras de BorgWarner en Vigo reiterou o seu total desacordo coa aplicación deste ERE e emprenderá todas as medidas que sexan necesarias para evitar que se leven a cabo os despedimentos. Previamente á rolda de prensa, o comité concentrouse ás portas da delegación territorial da Xunta en Vigo.
Ademais, a representación do persoal mantivo esta martes unha xuntanza coa candidata do BNG, Ana Pontón, e para mañá mércores teñen previsto reunirse con membros de Galicia En Común.