O comité de Albada denuncia que a día de hoxe continúan sen pregos nin convenio colectivo
Os traballadores e as traballadoras de Albada levan meses de negociación do convenio colectivo sen que até a data se teña chegado a ningún acordo. A empresa está aplicando dende o ano 2019 o convenio sectorial de limpeza viaria (de ámbito estatal), o que supuxo unha importante perda de dereitos económicos e sociais que o persoal xa tiña recoñecidos, cuxas condicións estaban reguladas polo convenio colectivo de empresa.
As partes levan intercambiando propostas nas últimas semanas, mais aínda quedan moitos aspectos por acordar. A empresa pretende un convenio colectivo a cinco anos con incrementos salariais do entorno do 4%; mais dende a parte social reivindícase unha suba do 7% para cada un dos anos e un convenio cunha vixencia de catro anos. Só así se garantiría a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo dos salarios do persoal, que están sen actualizar dende 2012.
Pola parte social demándase ademais, todas as garantías xurídicas e económicas que permitan o cumprimento efectivo do convenio colectivo, nun contexto no que os pregos para a nova concesión aínda non saíron publicados, "cando o compromiso do Goberno municipal da Coruña era sacalos neste mandato".
Para o comité de empresa, o acordo aprobado no último pleno municipal agrava a incerteza sobre o futuro da planta de Nostián e dos empregos, xa que abre a porta a adiar aínda máis a publicación dos pregos e que non estean listos antes do remate da lexislatura.
Nas próximas semanas continuarán as negociacións do convenio, pero de non producírense avances significativos que permitan pechar un acordo definitivo, "o persoal verase na obriga de retomar o conflito e convocar todas cantas mobilizacións sexan precisas para conseguir un convenio digno e con dereitos".