O comité da Planta de Lousame advirte que a negociación do convenio pode rematar en folga de recollida de lixo
O comité de Empresa de FCC Lousame - Recollida e Tratamento de lixo da Mancomunidade de Concellos do Barbanza (Noia, Carnota, Muros, Lousame, Porto do Son, Brión, Rois, Cesures e Ames) realizou hoxe una rolda de prensa en Noia, na cal avanzaron as liñas de negociación do novo convenio colectivo de empresa que corresponde negociar este ano.
Representantes do comité explicaron que antes de concretar as propostas, quixeron comparar as condicións de traballo da Planta de Lousame coas outras dúas plantas de reciclaxe existentes en Galiza, a Planta de Albada na Coruña e a Planta de SOGAMA en Cerceda, xestionada pola Xunta. E o resultado desa comparación é desde logo significativo. Os e as traballadoras de Lousame cobran de promedio un 15% menos ao ano que o persoal de Albada, e un 43% menos que o de SOGAMA, cando estamos a falar dun traballo idéntico.
É máis, indican os e as sindicalistas, “realmente o traballo en Lousame é máis duro en triaxe, xa que a selección é maiormente manual, cando nas outras plantas está moito máis mecanizado”. Esta selección manual permite que a Planta de Lousame sexa a que máis e mellor recicle de Galiza e unha das mellores do estado, aparte de xerar máis postos de traballo nesta comarca.
O Plus de Tóxicos máis baixo do sector
Unha das diferencias económicas fundamentais vén polo feito de que o Plus de Tóxicos en Lousame sexa do 5,5% do salario, cando en Albada é do 25% e en SOGAMA do 30%. Mesmo indican que “a lexislación xeral do sector establece este Plus nun 25% mínimo”. O comité está plenamente decidido a rematar con esta situación, e para iso xa entregou a súa plataforma sindical á empresa, que contempla una suba do 5,85% máis o IPC para cada ano, e un 17,55% máis IPC para os tres anos de convenio.
“Sabemos que é unha suba importante. Pero tamén é certo, e temos que pensar niso, que o goberno español subiu o SMI un 22% só este ano. Parece que até o Presidente Sánchez adianta pola esquerda a sindicatos e traballadores, e iso que despois anda a recoñecer presidentes golpistas polo mundo adiante, co cal moi de esquerdas non é”.
O comité, á espera de falar coa Mancomunidade
A empresa FCC aínda non respondeu ás peticións sindicais e está pendente unha nova xuntanza. Por outra parte tamén informaron que non foron capaces de falar coa presidencia da Mancomunidade, a pesar de levar xa máis de catro meses a tentalo. Santiago Freire, Alcalde de Noia e Presidente rotatorio da Mancomunidade, aínda non concretou a xuntanza. “Queriamos ter falado antes desta rolda de prensa con el, por educación e respecto, pero non foi posíbel. Agardamos teña a ben recibirnos algún día, para poder explicarlle esta situación que cremos é importante”, engadiron.
Desde o comité agardan que as súas demandas sexan atendidas e que a negociación se desenvolva conforme á normalidade, pero indican que “vémonos na obriga de avisar á cidadanía da comarca e aos alcaldes dos concellos da situación, xa que sabemos que despois os problemas se complican e realmente poden xerar conflitos non desexados que afectan a toda a sociedade”.
Disposición a iniciar mobilizacións se non hai avances
A representación sindical concretou a resolución desta situación nun prazo de tempo relativamente curto. “Os meses de negociación son febreiro e marzo. Se a finais de marzo o convenio non está enfocado, trasladaremos ao cadro de persoal a situación, de cara a mobilizarnos a partir de abril. E temos disposición de aguantar o necesario, xa nos estamos a preparar”.
O comité teno claro: “non imos permitir que polo feito de traballar no Barbanza teñamos que cobrar menos. Parece que en Galiza hai cidadáns e obreiros de primeira e segunda, e a clase traballadora que vive no rural e en zonas periféricas do País tamén existe e ten dereito a cobrar o mesmo, igual que acontece noutros moitos sectores, por desgracia. É unha cuestión de dignidade”.