O comercio do metal pontevedrés leva as súas reivindicacións ao Salón do Automóbil de Vigo
Persoas traballadoras do sector do comercio do metal da provincia da Pontevedra desenvolveron hoxe unha concentración diante do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) coincidindo coa celebración do Salón do Automóbil para reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar as propostas regresivas achegadas pola patronal, que motivaron a ruptura das conversas.
Aínda que as organizacións convocantes -a CIG, CCOO e UGT- tiñan previsto en principio unha manifestación polos arredores do IFEVI, a protesta foi denegada por motivos da seguridade pola proximidade do aeroporto, polo que optaron por levar a cabo a concentración na entrada do recinto.
A mobilización fai parte da campaña iniciada recentemente para reclamar unha mellora das condicións laborais das arredor de 10.000 persoas empregadas no sector e rexeitar as pretensións do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal e de suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte.
En consecuencia, a parte social abandonou as negociacións do convenio até que estas propostas sexan retiradas da mesa, xa que se trata de cuestións fundamentais que constitúen liñas vermellas na negociación. Polo que decidiron iniciar unha serie de medidas de presión que continuarán nas vindeiros semanas, sen descartar unha convocatoria de folga no caso de que a patronal non mude de postura.