O comercio do metal da provincia de Pontevedra convoca dous novos días de folga

Súmase deste xeito unha vez máis ás convocatorias do metal deste mércores 13 e xoves 14 para reclamar convenios colectivos dignos
Vigo/Pontevedra - 12 Mai 2026

A CIG decidiu promover dúas novas xornadas de folga no comercio do metal da provincia de Pontevedra este mércores 13 e o xoves 14 de maio para que coincidan outra vez coas convocatorias do sector do metal, de igual xeito que aconteceu o pasado día 7. Con estas mobilizacións os dous sectores reclaman convenios colectivos dignos e denuncian as pretensións da patronal de eliminar dereitos laborais consolidados.

O comercio do metal, que emprega a unhas 10.000 persoas na provincia, leva ano e medio co convenio colectivo caducado e coas negociacións rotas dende o pasado mes de xaneiro, despois de que os sindicatos con representación na mesa (CIG, CCOO e UGT) abandonaron as conversas ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal. 

O comercio do metal, que emprega a unhas 10.000 persoas na provincia, leva ano e medio co convenio caducado e coas negociacións rotas dende xaneiro

Ademais, a patronal pretende suspender durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ao mesmo tempo, a suba económica non contempla cláusula de revisión a IPC.

Diante disto, as centrais sindicais levaron a cabo distintas mobilizacións dende comezos de ano, optando posteriormente por facer confluír as convocatorias de folga cos paros do metal, como xa aconteceu o pasado xoves 7 de maio.

Cinco xornadas de folga no metal

Pola súa banda, as persoas traballadoras do sector do metal da provincia de Pontevedra están a chamadas a secundar cinco xornadas de folga este mércores 13 e o xoves 14 o os vindeiros días 19, 20 e 21 de maio. A última xuntanza da mesa negociadora non fixo máis que constatar a “nula vontade” da patronal pontevedresa por chegar a un acordo, polo que CCOO e UGT decidiron sumarse á folga anunciada inicialmente pola CIG para o pasado xoves 7 de maio, unha xornada que foi secundada masivamente polo sector, tal e como evidenciaron as importantes mobilizacións desenvolvidas en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Lalín.

Con esta loita preténdese dignificar as condicións laborais das máis de 30.000 persoas que emprega o sector na provincia. A CIG rexeita o que considera unha duración excesiva do convenio (catro anos) e unha suba salarial insuficiente (14% en total); “xa que no actual contexto de incerteza económica non temos garantía de recuperación do poder adquisitivo, porque non se asegura que os salarios recuperen o perdido coa inflación ao topar ao 2% a actualización a IPC”. 

O metal irá á folga tamén os días 19, 20 e 21 de maio

Tamén aposta por unha rebaixa real da xornada de traballo -segue a ser unha das máis altas do Estado- ante a proposta insuficiente e “tramposa” da patronal, “que fala dun día máis de vacacións pero a conta dos axustes da xornada anual”. En canto á xubilación anticipada, non se facilita nin se regula de maneira adecuada, nin con contrato de relevo.

Outra das reivindicacións da parte social ten que ver coa subrogación do persoal para protexer os postos de traballo nos cambios de contrata en determinados sectores; así como o establecemento de límites á subcontratación para rematar coa precariedade, a alta sinistralidade e a fragmentación do sector.

Tamén se reclama a regulación da contratación fixa descontinua para evitar un uso abusivo desta modalidade. Así como medidas fronte ás altas temperaturas no verán, especialmente no sector naval, que pasarían pola implantación da xornada continuada durante este período.

Protestas do metal e comercio do Metal en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Lalín

-Vigo: o metal sairá dende os estaleiros da Avenida de Beiramar ás 9:30 horas. A continuación percorrerá a rúa Tomás Paredes, Avenida de Castelao, Gran Vía, Praza dos Cabalos, Gran Vía, Urzaiz e Colón até a praza da Estrela, onde se celebrará unha asemblea.

O comercio do metal, pola súa banda, saíra dende a estrada de Camposancos (rotonda Morfisa) ás 8:30 horas e dirixirase até a rotonda da nave de FCC. Ás 10:00 confluirá na rotonda do barco de Coia coa manifestación do metal.

-Pontevedra: saída conxunta ás 12:00 horas dende a explanada de Mollabao.

-Vilagarcía: saída conxunta ás 12:00 horas dende a rotonda das mans, na Avenida das Carolinas.

-Lalín: saída conxunta ás 12:30 horas dende a rotonda do Concello.