O comercio de alimentación da Coruña volve á folga os días 15, 16 e 17 en resposta ao inmobilismo patronal

O empresario teima en non garantir o poder adquisitivo, non ofrece nada para a antigüidade e propón unha redución ‘raquítica’ da xornada
A Coruña/Ferrol/Compostela - 13 Ago 2026

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña volverá á folga este sábado 15 (día de apertura autorizada), o domingo 16 e o luns 17 de agosto en resposta ao bloqueo no que a patronal do sector ten a negociación do convenio colectivo.  Estas novas xornadas de paro (que afectan a supermercados e centros loxísticos) prodúcense despois das dúas últimas reunións da mesa de negociación celebradas o pasado venres e este luns, nas que non se produciu ningún tipo de avance.

Durante as xornadas de folga (convocadas polos catro sindicatos con representación na mesa, CIG, CCOO, UGT e USO) está previsto o despregue de piquetes informativos e para o luns 17, ademais, haberá unha manifestación na cidade da Coruña que sairá ás 12:00 horas do Mercado de San Agustín e rematará na Praza de Lugo.

A CIG-Servizos denuncia a postura inmobilista da patronal provincial (encabezada por Gadis e Froiz) que baixo o argumento da súa galeguidade pretende competir a conta de condenar o persoal a ter salarios e condicións de miseria. Neste senso, Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación, acusa a Gadis de demagoxia e de manter unha actitude especialmente belixerante “ao oporse por sistema a calquera demanda e impedir que se avance nun acordo de convenio que permita pechar o conflito”.  

Ningunha mellora

Lembra que malia as rebaixas da parte social na súa plataforma reivindicativa, a proposta salarial presentada pola patronal non garante unha suba igual ao IPC nin o mantemento do poder adquisitivo. A oferta patronal no primeiro ano fica tres puntos por debaixo do que demanda a parte social, continúa mantendo o tope na garantía da revisión ao IPC e ademais esta non se aplicaría con carácter retroactivo, senón que só se utilizaría para axustar os salarios do ano seguinte.

Xunto a isto, o empresariado négase de forma rotunda a aplicar “nin a máis mínima cantidade para a antigüidade”, ofrece unha redución da xornada “raquítica”, inclúe os luns nos denominados fins de semana de calidade e tampouco quere ampliar os días de asuntos propios. Mais pola contra, busca empeorar algunhas licenzas como a de falecemento e implantar un maior control sobre as baixas e a súa duración.

Diante disto, a CIG-Servizos anima as traballadoras e traballadores a dar unha resposta contundente ao mesmo nivel que nas anteriores convocatorias de folga e demostrarlle á patronal que o sector seguirá na loita até acadar un convenio provincial digno.