O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG demanda que non se volva facer negocio coa atención a maiores e dependentes
O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG leva anos denunciando as graves carencias en materia de atención a maiores e persoas dependentes; os recortes orzamentarios en política social; a falta de prazas de residencia nun país no que a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos é cada vez maior e as políticas privatizadoras do Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza. Por iso demanda, máis unha vez, que non se siga consolidando un modelo de residencias e de atención á dependencia privado que evidenciou como nunca, nesta crise sanitaria, as súas enormes carencias a todos os niveis.
O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denuncian que para o goberno de Feixóo, os maiores non son un colectivo a tratar co respecto e dignidade que merecen quen traballaron toda a súa vida por sacar adiante este país. “Para o PP somos un nicho de negocio co que agasallar a empresas privadas que engordan a súa conta de beneficios a custo de recortar en persoal, en atención e en medios”, aseguran.
Sinalan que por iso en Galiza só o 25% das residencias son públicas; as prazas que hai son tan escasas; é tan difícil acceder a elas e teñen tantas carencias. “As graves deficiencias existentes estámolas vendo agora, nun momento no que, sendo o colectivo máis golpeado polo COVID-19, a consellaría de Politica Social foi incapaz de pór en marcha, desde o primeiro momento, medidas para evitar contaxios entre residentes e persoal”. E isto é, ao seu entender, “porque o colectivo de maiores e dependentes, as persoas máis débiles do sistema, non somos unha prioridade para o modelo económico e de sociedade de Feixóo”.
Defenden que non se pode concibir a dependencia desde o plano contable, como fixeron os sucesivos gobernos do PP no noso país, senón desde o plano humano “e diso é do que carece precisamente quen está a fronte da Xunta de Galiza”.
Chaman a atención sobre a falta de prazas, mais tamén sobre a falta de persoal e de medios que todos, tanto o colectivo de xubilados/as e pensionistas, como os comités de empresa e no seu conxunto a central sindical, viñan denunciando. “Unha realidade que foi negada de forma sistemática polo sistema de propaganda do PP, pero que non puideron agora agochar”.
Axuda no fogar
As carencias do sistema de dependencia saíron á luz con esta crise, mais non só as das residencias, senón tamén as da Axuda no Fogar, “insuficiente e tan pouco considerada, que as súas traballadoras, na súa inmensa maioría mulleres, constitúen un dos colectivos peor pagados en Galiza. E se son empregos mal pagados polas propias administracións públicas é porque entenden que o seu labor non é relevante socialmente, máis ben unha carga para o sistema”.
Por iso demandan que tamén os SAF teñan a consideración que merecen, que se recoñeza a enorme importancia do labor que desenvolven, que se dote de medios ao colectivo de mulleres que traballan en axuda a domicilio e, xunto coa secretaría das Mulleres, que pasen a depender do Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais.
O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas reclama que se valoricen os coidados como un ben social e que se recoñeza, dignifique e respecte as persoas maiores en Galiza como merecen. Exixe que se poñan enriba da mesa, nos próximos orzamentos, partidas suficientes para garantir o persoal, os medios necesarios e prazas públicas de residencia abondo en Galiza e, sobre todo, que escenas esgazadoras como as que vimos no último mes non se volvan repetir, quer polo COVID-19 ou por calquera outra circunstancia.
Mais, por enriba de todo, demandan que os servizos públicos e, nomeadamente os servizos sociais, non se atendan en función da súa rendibilidade económica, senón social. Unha consideración que nunca deberon perder, porque “non queremos ser un nicho de negocio nunca máis”, conclúen.
Por iso chaman ás familias, ao persoal e a todas as persoas xubiladas e pensionistas, a sumarse á cazolada desde as fiestras de todas as casas, que baixo o lema #QueEscoiten, ten convocada a CIG para o vindeiro venres, día 10 de abril, ás 12:00 do mediodía.