O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG convoca unha protesta na residencia DomusVi de Aldán
O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo convoca unha protesta diante da residencia DomusVi da parroquia canguesa de Aldán ás 11:00 horas para reclamar unha atención digna á dependencia e denunciar as políticas de privatización das prazas residenciais aplicadas pola Xunta de Galiza.
A concentración desenvolverase no inicio do camiño de subida á residencia de maiores DomusVi de Aldán e nela non participarán máis de 20 persoas, que irán provistas de mascaras de protección.
Esta acción enmárcase dentro das concentracións previstas nas residencias privadas de maiores, onde o numero de vítimas do COVID-19 foi moi elevado en relación tanto ao número total de falecementos de maiores como ao número de persoas falecidas totais por causa do coronavirus. E, en concreto, a residencia Domus-Vi de Aldán foi a que superou a todas as da provincia no número de persoas finadas e cuxo número real aínda non se coñece a día de hoxe.
Para a CIG, este elevado número de mortos nas residencias privadas de maiores está totalmente relacionada coas políticas da Xunta de privatizar as prazas residenciais e poñelas ao servizo das contas de resultados de empresas e fondos voitre, “aos que o único que lles importa é acadar o máximo beneficio aínda que iso signifique ter aos seus residentes e ao seu persoal en condicións de vida e laborais totalmente indignas”.
Neste senso, a central vén de presentar unha proposta para a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas onde se prime un a atención ás persoas maiores en residencias, centros de día e atención domiciliaria sostida con medios e persoal pertencente á administración pública, con xestión directa por parte da Xunta e cuns custos para os usuarios acorde coas pensións percibidas polas persoas maiores.
O Sistema Público de Atención ás Persoas proposto pola CIG susténtase nestas bases:
A) Servizos que debe de prestar esta rede única pública:
Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
• Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
• Centros de día
• Centros de atención á diversidade
• Servizos de axuda no fogar
• Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado...
B) Condicións que debe de ter o sistema:
• Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.
• Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
• Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
• Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
• Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
• Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.