O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG continúa coas protestas para reclamar unha atención digna á dependencia

Desenvolveron unha concentración diante da residencia DomusVi en Aldán
Vigo - 11 Xun 2020

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar un sistema público galego de atención ás persoas maiores e á dependencia cunha concentración nas inmediacións da residencia DomusVi na parroquia canguesa de Aldán.

Coa protesta, que se desenvolveu ás 11:00 horas, queren demandar tamén unhas pensións dignas e denunciar a política de privatización das prazas residenciais aplicada pola Xunta.

Esta acción enmárcase dentro das concentracións que se están a desenvolver nas residencias privadas de maiores, onde o número de vítimas do Covid-19 foi moi elevado en relación tanto ao número de falecementos de maiores como ao número de persoas falecidas por causa do coronavirus.

E, en concreto, a residencia Domus-Vi de Aldán foi a que superou a todas as da provincia no número de persoas finadas e cuxo número real aínda non se coñece a día de hoxe.

>>NOVA RELACIONADA: Xubilados/as e pensionistas da CIG esixen un sistema público galego de servizos de atención e unhas pensións dignas