O Colectivo de Xubiladas e Pensionistas da CIG reclama que se manteña aberta a oficina de MUFACE de Compostela

Santiago de Compostela - 24 Xul 2025

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG advirte que o peche da oficina de MUFACE de Santiago de Compostela anunciado no día de onte polo Goberno español supón un recorte na atención sanitaria do persoal mutualista ao impedir a atención presencial e directa. Esta oficina xa vira mermados os seus servizos de atención pública nos últimos meses.

Subliñan que partir de agora, o persoal mutualista xubilado (maioritamente docente) adscrito á oficina de Compostela, terá que desprazarse até a oficina da Coruña para realizar as súas xestións ou ben facelas a través de medios telemáticos.

Por iso, consideran que esta decisión reviste un maior impacto sobre o colectivo de pensionistas de MUFACE xa que, por cuestións de idade e falta de competencias dixitais, teñen máis dificultades para realizar xestións telemáticas ou para desprazarse de cidade.

Precisamente, o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG desenvolveu no ano 2023 unha campaña informativa, de mobilizacións e de acción institucional para exixir que se puxeran en marcha todas as medidas necesarias que eviten a exclusión dixital das persoas maiores.

Hai que lembrar que MUFACE atende tanto a docentes en activo como a pensionistas e que a única razón alegada pola directora xeral de MUFACE para xustificar o peche é que falta persoal. Esta decisión, engaden, afonda no empeoramento na calidade da asistencia que se presta á cidadanía, neste caso ás persoas mutualistas obrigatorias e ás súas beneficiarias.

O colectivo da CIG salienta que a responsábel da entidade salientou que a maior parte do traballo que se realiza presencialmente está relacionado co visado de receitas, considerando que “carece de sentido” manter as dependencias abertas despois da entrada en vigor da receita electrónica para quen teñan asistencia privada. Este é un dos servizos que máis utiliza o colectivo de mutualistas pensionistas.

A CIG convoca concentración o martes 29

Por todo isto, fan un chamamento a todas as persoas mutualistas do colectivo a participar na concentración convocada pola CIG para o vindeiro martes, 29 de xullo, ás 11:30 horas diante da oficina de MUFACE para que se garanta o dereito á atención presencial e que non se utilice a escusa da dixitalización para excluír as persoas maiores do acceso aos servizos.