Empregadas/os de DomusVi Ribadumia: “Festivo traballado, festivo compensado!”
As traballadoras/es da residencia da terceira idade DomusVi de Ribadumia mobilizáronse hoxe de novo diante da empresa -a onde chegaron en caravana de vehículos dende o Concello- contra imposición de cambios de quenda que supoñen máis xornada e menos descanso e a negativa da empresa a compensar con tempo libre o traballo en días festivos.
Durante a protesta -que comezou a partir das 16:00 horas- despregáronse dúas faixas nas que se podía ler “En defensa dos nosos dereitos laborais” e “Maltrato laboral, maltrato asistencial” e berráronse consignas como “Festivo traballado, festivo compensado”, “Queremos descansar para conciliar”, “Estamos fartas de ser explotadas” e “Non somos escravas, somos traballadoras”.
Segundo explica o secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, o comité de empresa (integrado por 5 delegadas da central sindical) mantivo tres xuntanzas coa dirección no último mes e medio para intentar chegar a un acordo antes da celebración do xuízo (previsto para o 5 de xuño) tras o conflito colectivo presentado polas afectadas. Acordo que non foi posíbel -tampouco no SMAC- porque DomusVi insiste nunha proposta similar aos horarios impostos a comezo de ano.
“As traballadoras decidiron a semana pasada en asemblea rexeitar a proposta e levar a cabo estas medidas de presión, porque están fartas de que non se respecten os seus dereitos”, sinala Veiga. E é que DomusVi limitouse a comunicar a entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro dos novos horarios e dos cambios de quenda sen cumprir os requisitos esixidos, xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal das traballadoras/es.
Ademais, o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual, nin tampouco a compensación en días festivos. “Esta é unha cuestión fundamental, que motivou a modificación de quendas; as traballadoras/es teñen xornada de luns a domingo, incluíndo festivos, e no seu convenio (e nunha sentenza do Tribunal Supremo) establécese que esta compensación ten que ser en tempo de descanso”.
Chantaxe da empresa
Mais as compañías do sector non respectan esta premisa, especialmente DomusVI, polo que o persoal ten presentado reclamacións individuais nas que se recoñece que a compañía non compensa correctamente o traballo en festivos. “Dende hai ano e medio estamos intentando negociar esta cuestión; por unha parte aseguran que queren implantar colectivamente a compensación en tempo, pero por outra chantaxean o persoal para que acepte unha modificación horaria e de quendas que é peor que a actual a cambio da compensación de festivos”.
DomusVi ofreceu a posibilidade de compensar economicamente o traballo en festivos, e a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras/es. “Polo que nos negamos a asinar ese acordo, porque nos parecía unha chantaxe, e a empresa optou por impoñer a modificación horaria”. En consecuencia o persoal optou por iniciar mobilizacións o pasado 9 de febreiro diante da empresa, que se repetiron o día 27 diante da Xunta en Pontevedra coincidindo co SMAC, e que hoxe continuaron diante das instalacións da compañía.