O 31,4% das traballadoras e traballadores na provincia de Lugo teñen uns ingresos anuais inferiores ao SMI
A realidade sociolaboral reflectida no informe, elaborado polo Gabinete Técnico Confederal da CIG, revela unha situación dramática para a provincia, que ten “todos os indicadores negativos: perda de poboación, increméntase o número de persoas desempregadas, e baixa a poboación activa, especialmente nos tramos de idade centrais”, denunciaba o Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Antonio Niño. “Isto agrava a mala situación que xa viñamos arrastrando na provincia”, enfatizou.
A este respecto, Natividade López, autora do informe e responsábel do Gabinete Técnico Confederal da CIG, matizaba que con este estudo non só se quere analizar a realidade socioeconómica actual, senón comprobar como a crise ten afectado á provincia de Lugo.
Menos poboación activa
A economista comezou destacando a preocupante perda de poboación e o seu avellentamento, que se ben é unha das características demográficas de Galiza nas últimas décadas, na provincia de Lugo supera calquera indicador nacional. Basta dicir dende o ano 2008 a provincia perdeu o 4,5% da súa poboación, o dobre da media galega.
En total, hai 16.163 habitantes menos, e como no resto do país, a maioría desta perda de poboación concéntrase na franxa de idade que vai dos 15 aos 35 anos. Fronte a isto, en 2015 o número de persoas con máis de 65 anos acadaba xa o 28.6%, preto dun punto porcentual máis que en 2008, e máis de catro puntos por riba da media galega.
López Gromaz alertaba que a baixada da poboación en idade de traballar ten un efecto directo no mercado laboral, pola caída da poboación activa. Neste senso, indicou que a evolución da poboación activa en Lugo caracterizouse por unha caída moi importante da poboación ocupada e un crecemento inferior da poboación parada. “Hai 20.600 ocupados/as menos que en 2008, pero só 14.600 desempregados/as máis; é dicir, son 6.000 persoas as que perden a ocupación, pero non pasan a engrosar as listas do paro”, sinalou.
E aínda que non se pode afirmar taxativamente, este é un dos indicadores da emigración. Como cifra a subliñar, dicir que dende o 2010, o número de persoas activas de menos de 35 anos reduciuse un 18%.
Perda de emprego, incremento das xornadas parciais e caída dos salarios
En canto á taxa de ocupación, Natividade López destacou que dende o inicio da crise, a provincia perdeu 20.400 postos de traballo, a maioría deles no sector primario (que en termos absolutos conta con 8.300 ocupados/as menos) e maioritariamente entre a poboación con menos de 35 anos, entre a que se reduciu o emprego un 32%.
Pero, ademais, neste período, na tendencia do mercado laboral galego, remodelouse a ocupación, destruíndose postos de traballo a xornada completa e incrementándose as xornadas parciais. Entre 2009 e 2015 reducíronse nun 12,2% as persoas contratadas a xornada completa, mentres que medraron un 11% as ocupadas a xornada parcial.
A figura do traballador/a pobre
De xeito paralelo, o número de contratos rexistrados creceu un 31% neste período. “A consecuencia é lóxica: medra a rotación e redúcense as horas traballadas”. O pasado ano foron 97.340 os contratos rexistrados na provincia, un máximo histórico. Destes, o 91,6% rexistráronse baixo algunha das modalidades de contratación temporal (6,5 puntos máis que no ano 2008), chegando os contratos de duración inferior a unha semana a supor o 33,8% do total.
Estas cifras manifestan ás claras a precarización e dualización do mercado laboral, cuxa consecuencia máis directa é a caída radical dos salarios. Tanto é así, que, segundo os datos da Axencia Tributaria (ano 2014), o ingreso salarial medio na provincia descendeu un 3,1% dende o inicio da crise
Para a CIG resulta altamente preocupante que o grupo de persoas asalariadas con ingresos inferiores á metade do SMI se teña convertido no máis numeroso da provincia, representando o 18,5% do total de asalariados/as, e cuns ingresos medios de 1.904 euros brutos ao ano.
Se a este colectivo lle sumamos as persoas asalariadas que perciben entre a metade e o SMI (12,9% do total), temos que o 31,4% dos traballadores e traballadoras por conta allea en Lugo acadaron uns ingresos durante o ano 2014 de, como máximo, o SMI. Así mesmo, dos datos da Axencia Tributaria tírase que o 65% das persoas con ingresos procedentes do traballo non acadaron o salario medio (16.724 euros) da provincia.
“Isto ten que ver co novo emprego que se crea e que dá lugar a unha nova categoría social: a do traballador/a pobre”, advertía Niño.
Incremento das persoas en risco de exclusión
Xunto a isto, a poboación desempregada medrou un 146% dende o inicio da crise. É de salientar que o 42% das persoas que se sumaron ao paro teñen máis de 45 anos e case a metade das traballadoras e traballadores sen emprego (o 48,5%) levan máis de dous anos no paro. Prodúcese polo tanto unha caída do número de persoas con dereito a percibir unha prestación, e dentro das prestacións son maioría agora as que perciben o subsidio fronte á prestación contributiva, que malamente lles permite sobrevivir.
Cómpre destacar que as persoas perceptoras da RISGA medraron un 188,6% neste período, mentres que, de media, o incremento en Galiza foi do 110,9%, “o que pon de manifesto o incremento das persoas con necesidades extremas na provincia”. A estas hai que engadir o medre do 60% do número de perceptores/as da Axuda de Emerxencia Social, cando na medida galega a suba está no 29,6%. “O incremento das persoas en risco de exclusión é moi superior á media galega”, advertiron.
Destrución do tecido produtivo
O Secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña puña tamén o foco de atención na destrución do tecido produtivo: entre 2008 e 2014, na provincia desapareceron 1.236 empresas.
Co engadido de que neste período se agravou a atomización do tecido produtivo, xa que practicamente só medrou o número de empresas sen asalariados/as (62,4%), que xunto coas empresas que contan cunha única persoa asalariada, suman o 85,3% do total de compañías da provincia.
Fronte á crueza dos datos, Niño quixo pór unha nota positiva: Lugo é unha provincia con moitas potencialidades, pero para explotalas “precisamos doutras políticas económicas e laborais”. Neste senso, defendeu a necesidade de que Galiza teña soberanía para poder decidir e actuar naqueles sectores prioritarios para o noso desenvolvemento económico e social.