O 100% do persoal de ambulancias para na 2ª xornada de folga no sector
Malia os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta (que a CIG ten recorrido), a segunda xornada de folga no transporte sanitario de Galiza está a rexistrar un seguimento do 100% na maioría das áreas sanitarias, e só entrou a traballar o persoal designado en mínimos. Esta resposta dá boa conta da resolución do colectivo para pelexar por un convenio digno fronte ao bloqueo patronal e para reclamar un servizo público de calidade fronte ao "pasotismo" da Xunta.
Nesta segunda xornada de folga (convocada pola CIG), os traballadores e traballadoras desenvolveron concentracións en diversos hospitais, como o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Montecelo de Pontevedra, o do Salnés (en Vilagarcía), o Arquitecto Marcide e o Naval de Ferrol, o Hospital Clínico de Santiago ou o hospital de Ribeira. Nestas protestas aproveitaron ademais para repartir follas entre os usuarios e usuarias da sanidade pública para explicar os motivos da folga e as súas demandas.
Abandono do sector
O persoal denuncia a situación de abandono e desidia cun servizo público básico como é o do transporte sanitario, cun convenio caducado dende hai máis de dous anos e coa pretensión da patronal de aplicar un descolgue de até o 25% "dos nosos salarios e condicións laborais".
As empresas, sinala o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, ameazan coa renuncia aos contratos alegando que non lle son rendíbeis, "cando gañaron os concursos públicos rebaixando as ofertas económicas até nun 7%, e agora pretenden que asuman esa perda os traballadores e traballadoras".
Isto ten deixado ao persoal nunha situación de incerteza e precariedade que ten consecuencias na calidade do servizo, ao non atenderse dende as empresas a limpeza e desinfección das bases, ambulancias e uniformes ou a mellora e conservación de materias e medios de traballo "nun sector tan sensíbel como este".
A Xunta "mira para outro lado"
Dende a CIG censúrase a actitude que a Xunta, a Consellaría de Sanidade e o SERGAS están a manter, "mirando para outro lado" como se a administración non tivera responsabilidade nesta situación. "Hai dous anos entregaron os concursos a ofertas que claramente non cubrían cos gastos e agora queren que o paguemos nós dos nosos salarios", denúnciase no folleto repartido este xoves.
Ademais, alertan que nos últimos tempos estase producindo un aumento dos servizos, sen que isto leve parello un incremento dos cadros de persoal nin do número de ambulancias, "o que está levando o sector ao colapso, tanto na atención aos/ás doentes como nas xornadas de traballo excesivas".
A este respecto, o colectivo de traballadores/as reivindica respecto polo seu traballo, información inmediata e transparente do proceso de contratación, a retirada dos procesos de descolgue salarial e sinatura inmediata do convenio colectivo do sector.
Novas xornadas de folga en xuño e xullo
De non seren atendidas as demandas, a FGMT-CIG ten convocadas novas xornadas de folga para os días 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo. A partir desa data, se continúa sen haber avances a folga pasaría a ser indefinida dende o mes de setembro.