O 100% do traballadores/as de Celsa Atlantic secunda a sétima xornada de folga
Os traballadores e as traballadoras de Celsa Atlantic están secundando este venres á sétima xornada de folga para esixir un convenio colectivo digno que equipare as súas condicións ás que xa ten o persoal doutras plantas do grupo, así como para demandar un plan de investimentos na factoría da Laracha que permita recuperar as capacidades produtivas e garantir a continuidade de todos os empregos.
A folga, que rexistra un seguimento do 100%, esténdese das 06:00 horas deste venres día 23 até ás 06:00 horas do sábado 24, atinxindo a todo o persoal e a todas as quendas de traballo.
Equiparar condicións ás doutras plantas
A decisión de continuar co calendario de mobilizacións dáse en resposta ao bloqueo nas negociacións para o convenio colectivo, xa que a empresa se nega a asumir ningunha das melloras laborais ou salariais formuladas pola representación social. Unhas melloras, explica o presidente do comité, Agustín Méndez (CIG), destinadas a equiparar as condicións dos traballadores e das traballadoras da Laracha coas que xa ten recoñecidas o persoal doutros centros do grupo Celsa.
Neste senso, lembra que o persoal da planta galega (a única que non conta aínda cun convenio propio) "somos os que temos os salarios máis baixos de todo o grupo". Porén, a dirección teima en consolidar estas diferenzas e tras meses de reunións, as negociacións están estancadas a causa do inmobilismo patronal.
Nun intento de eludir a folga, a dirección solicitou unha mediación para continuar negociando a través do AGA, pretendendo chantaxear con este movemento ao comité para que desconvocaran os paros xerais do sábado 17, o domingo 18 e o venres 23. A xogada non lle saíu ben e o mediador convocou ás partes para unha xuntanza o vindeiro martes, 27 de xullo.
Recuperar as capacidades produtivas
Ademais dun convenio digno, con esta folga o persoal quere demandar da empresa un plan de investimentos que garanta a viabilidade da planta e permita recuperar a actividade na liña que está parada, pois nestes momentos a fábrica está ao 50% da súa capacidade produtiva. Méndez advirte da preocupante falta de vontade de Celsa Atlantic para aumentar a carga de traballo no curto prazo, alegando que non hai capacidade de absorción no mercado para máis produto, e rexeitando establecer un calendario para o arranque da liña paralizada.
Unha aseveración que choca de fronte cos investimentos que Celsa está realizando nunha das fábricas de Francia, onde gastou 60 millóns de euros "para aumentar a produción que nós deixamos de facer".
Por iso, ante a incerteza sobre o futuro industrial da fábrica e a negativa da empresa a recortar as diferenzas nas condicións laborais, os traballadores e as traballadoras acordaron continuar co calendario de folgas e non descartan intensificar as medidas de presión.