O 100% do persoal secunda a primeira xornada de folga na empresa de procesados de Ribeira “Alfrío”
Ás 5:00 da mañá estaban xa ás portas da empresa de Ribeira Congelados Angel López Soto, Alfrío, os piquetes, na primeira das xornadas de folga convocadas “por un convenio xusto”. O paro, cun seguimento do 100%, repetirase noutras catro xornadas, os días 14, 21 e 28 de novembro e máis o 5 de decembro. Denuncian que até o de agora a empresa rexeitou as propostas de melloras salariais e sociais presentadas pola parte social
Segundo explica Ánxela Martínez, representante da CIG de Ribeira, de momento non se chegou a un acordo. Mentres a parte social quere un convenio de empresa a dous anos, a empresa pretende que sexa a tres.
Principais demandas
Demandan incrementos salariais dun 5% para este ano e outro 5% para o que vén. Fronte a isto a empresa mantén subas do 4% no primeiro ano, do 3% no segundo e do 2% no terceiro pero, ademais, sen cláusula de revisión salarial.
Nas cuestións sociais, as traballadoras e traballadores reclaman que se lles recoñeza o dereito a percibir o 100% do salario en caso de Incapacidade Temporal por enfermidade profesional, cuestión que Alfrío rexeita. Como tamén rexeita que se redefinan as quendas.
A este respecto explica que as quendas son fixas, de mañá ou de tarde, e que hai xente que quere rotación. Propuxeron que se ofertara a posibilidade de rotar para a xente que quixera pero a empresa contestou que “tiña que ser igual e obrigatorio para todo o mundo”. Ante isto, a parte social propuxo que a quenda de tarde, na que a xente está máis castigada porque xa é de 9 horas, fose só de 4 días á semana. Cuestión que tampouco foi aceptada.
Fronte a isto, Martínez denuncia que Alfrío pretendeu introducir, ademais, unha cláusula para que as xornadas foran mesmo de luns a domingo e, “no canto de acurtalas, alongalas máis”, asegurando que só afectaría aos mecánicos, aínda que “nos querían enganar porque produción si que aparecía”.
Respecto das antigüidades, Martínez denuncia que levan anos conxeladas, pero agora a empresa pretende, ademais, que desaparezan. “Reclamamos que se recoñezan categorías por antigüidade. Neste tipo de centros non hai postos específicos para que todo o mundo poida ter acceso a outra categoría. Consideramos que unha persoa que leva 5, 10, 15, 20 ou 25 anos non pode quedar como auxiliar toda a vida. É como pasar toda unha vida de bolseira”.