O 100% do persoal de Valoriza Auga vai á folga para esixir o desbloqueo da negociación colectiva
O 100% dos traballadores de Valoriza Auga (empresa que ten a concesión do servizo de mantemento da rede de sumidoiros da Coruña) están secundando este martes a xornada de folga convocada contra o bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo e para esixir a retirada das sancións impostas ao delegado de persoal e a varios empregados por ter participado nunha asemblea. O paro resulta un éxito total xa que das 18 persoas que integran o cadro de persoal só entraron a traballar aquelas nomeadas para os servizos mínimos.
"Este é o primeiro día de folga, pero todo parece indicar que haberá máis mobilizacións a causa da postura inflexíbel da empresa", explicaba o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, nunha das tres concentracións que hoxe realizaron os traballadores: diante da nave da empresa no polígono da Grela, nas oficinas de Valoriza Facilities (onde teñen lugar as negociacións coa dirección) e ás portas da Casa da Auga, sede de EMALCSA (a empresa municipal de augas da Coruña e titular do contrato).
Filgueira recalcou o seguimento total da folga, xa que só están traballando os operarios nomeados para os servizos mínimos. Neste senso, lamentou que EMALCSA impuxera uns mínimos abusivos "cando se lle solicitou que establecera a mesma actividade que nos días festivos, para os que se dispón só dun camión de garda, e non dun camión con condutor e peón por quenda, como estableceu para hoxe". De feito, aproveitando a concentración na Casa da Auga, o persoal trasladou por escrito as súas queixas por esta cuestión a EMALCSA.
104 meses co mesmo salario
No relativo ás demandas sociais, o representante sindical lembrou que o convenio colectivo polo que se rexe o persoal de Valoriza Auga caducou en 2010 e dende entón os traballadores teñen os salarios e as condicións laborais sen actualizar. As tentativas para negociar un novo marco regulador estiveron marcadas polo proceso de adxudicación da nova concesión iniciado en 2014 -que recaeu outra vez en Valoriza- e foi no ano 2015 cando se retomaron as negociacións. "Pero as ofertas que a empresa pon enriba da mesa non permiten sequera recuperar o poder adquisitivo perdido en todos estes anos: hai 104 meses que os traballadores cobran o mesmo salario", denuncia Filgueira.
Esta situación contrasta co incremento dos beneficios que obtivo a empresa, pois entre os anos 2013-2015, o Concello da Coruña (baixo goberno do PP) acordou unha subida fóra de prego de máis dun 40% no prezo/hora que paga polo servizo, sen que isto repercutira á súa vez nos salarios do persoal. "Valoriza estívose lucrando de maneira inxusta e agora quere liquidar o convenio cun subida miserenta", censura.
A este respecto, Xabier Filgueira explica que os traballadores non só sufriron unha conxelación salarial, senón que perciben as nóminas polas táboas do convenio do ano 2006, que son un 20% inferiores aos salarios marcados no actual prego de condicións. Por iso, dende a central sindical faise un chamado a EMALCSA e ao Concello da Coruña para que se impliquen no conflito e obriguen a concesionaria a negociar un convenio digno e a cumprir co marcado nos pregos.
Recuperar o poder adquisitivo perdido
Fronte ás pretensións da empresa, o persoal reivindica un incremento no salario base do 1.75% para cada ano de convenio (2018-2020) cunha cláusula de revisión; establecemento dun complemento anual nunha porcentaxe sobre o salario base do 25% en 2018, o 50% en 2019 e do 75% en 2020, que permitiría equilibrar a perda salarial dos últimos anos.
Así mesmo, reivindícase crear un plus de cualificación profesional; incremento do prezo da hora extraordinaria e da xornada laboral en festividades sinaladas; plus de limpeza de depósitos; ou establecer un complemento de retén. "Neste servizo fanse xornadas de 11 días de traballo seguidos (sábados, domingos e festivos e con quendas de noite), que entendemos que non están debidamente retribuídas", engade.
Chamada a EMALCSA e ao Concello
Finalmente, o secretario comarcal da CIG da Coruña instou a empresa para que sente negociar un convenio digno e que retire as sancións impostas inxustamente a varios traballadores. Tamén reiterou o chamamento a EMALCSA e ao Concello para que se impliquen no conflito "porque estamos a falar dun servizo público sobre o que a administración municipal ten responsabilidade".
"Esta é a primeira xornada de folga, pero todo parece indicar que estamos ante un conflito que se vai prolongar no tempo dada a actitude intransixente que mantén a empresa, máis interesada en tirar o máximo beneficio da concesión pública que en ofrecer un servizo de calidade e respectar os dereitos dos traballadores", asevera.