O 100% do persoal das cafeterías do aeroporto secunda a folga en defensa do seu convenio
O 100% do persoal de todas as cafeterías do aeroporto secundou as dúas xornadas de folga convocadas para este domingo e luns en defensa do seu convenio. O persoal anuncia que as xornadas de folga continuarán o próximo fin de semana, o 30 e 31 de outubro, e despois todos os fins de semana do mes de decembro, incluída a ponte da Constitución e vésperas de Nadal e de Fin de Ano. Non descartan ampliar a máis xornadas os paros até que a empresa non se aveña a recoñecer un convenio que vén xa do ano 1986. Ademais demandan que AENA, como empresa principal, exixa á concesionaria o cumprimento da normativa laboral.
Segundo explicou o representante da CIG-Servizos Compostela, Roberto Alonso, cando entrou a empresa no mes de febreiro do ano pasado non houbo ningún problema. “Falamos con eles cando viñeron, se lles explicou que aquí había convenio de empresa que, por certo, é dos mellores do Estado en hostalaría: teñen antigüidade, premio de vinculación cando se xubilan… e foi todo ben”.
O problema comezou cando a un compañeiro con 45 anos de antigüidade, tiñan que darlle o premio de vinculación. “Cando a empresa viu o importe dixo que non estaba polo labor e xa empezou a dicir aí que o convenio non existía, que non o recoñecía e que entendía que se tiña que aplicar o convenio de hostalería da Coruña”.
Diante desta situación a CIG solicitou unha mediación no Consello e o traballador demandou xudicialmente á empresa. Daquela estaban as cafeterías pechadas por ERTE e “entendemos que non era o momento máis idóneo para iniciar mobilizacións”.
Porén, matiza Alonso, despois viu un verán excelente para o turismo e houbo un enorme movemento de viaxeiras e viaxeiros no aeroporto.Por iso, conscientes de que a empresa acababa de chegar e de que se trataba dunha cantidade importante “estabamos dispostos a aceptar un pago aprazado”.
O caso é que a empresa non só non aceptou senón que mesmo enviou a proposta dun convenio novo e, a maiores o mes pasado, non pagou a cantidade correspondente a unhas compañeiras por salto de antigüidade. “A empresa en principio dixo que fora un erro, que pagaría o mes seguinte, pero este mes tampouco pagou” sinala o representante da CIG que explica que isto foi o que levou ao persoal a convocar a folga porque “están vendo que lles afecta no seu posto”.
Hoxe é o segundo día. Esperamos que a empresa recapacite e recoñeza un convenio que leva desde o ano 1986. Tamén pedimos a AENA como empresa principal que lle exixa á concesionaria o cumprimento da normativa laboral.
Inspección sanitaria no aeroporto
As dúas xornadas de folga e as mobilizacións desenvolvéronse con normalidade. Porén onte a propia AENA puxo máquinas vending na cafetería da chamada zona de aire o que acabou provocando un problema de salubridade con acumulación de restos de comidas e bebidas no chan.
Diante disto, o propio director tivo que chamar á Inspección Sanitaria porque pretendía que a empresa de limpeza limpara todos os restos amoreados non ten contrato. “Chamamos á empresa concesionaria para pedirlle o informe de sanidade para ver se vulneraran ou non o dereito de folga, porque se está vendo que as cafeterías do aeroporto, aínda que non son un sector esencial, si son importantes para as persoas viaxeiras e a salubridade tamén, por non ter AENA, como responsable do aeroporto, previsto o que podía pasar.