O 100% do persoal da cafetería do aeroporto Rosalía de Castro secunda a folga na defensa do convenio
O 100% dos traballadores e das traballadoras da cafetería do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago están secundando este venres a primeira das dúas xornadas de folga convocadas pola falta de avances na negociación coa nova concesionaria, que se nega a recoñecer e aplicar o convenio propio.
A folga estase desenvolvendo con total normalidade e só entrou a traballar o persoal designado como servizos mínimos para a cafetería interior da zona de saídas. O paro terá continuidade na xornada deste sábado, 4 de decembro, e para dar máis visibilidade as súas reivindicación, o persoal está realizando concentracións pola mañá na terminal de saídas.
Deste xeito, os traballadores e traballadoras dan continuidade ás xornadas de folga que xa desenvolveron en outubro para esixirlle á empresa que recoñeza un convenio que leva aplicando desde o ano 1986 e que "é dos mellores do Estado en hostalaría", explica o representante da CIG-Servizos, Roberto Alonso.
Sinala que non houbo ningún problema cando a concesionaria entrou no mes de febreiro do ano pasado, pero no momento que lle tocou afrontar o primeiro pago polo premio de vinculación a un traballador con 45 anos de antigüidade "dixo que o convenio non existía, que non o recoñecía e que entendía que se tiña que aplicar o convenio de hostalería da Coruña”, de condicións moi inferiores.
A empresa non só teimou en non recoñecer o convenio, senón que logo do verán aínda deu un paso máis alá enviando a proposta dun convenio novo. Diante disto, o persoal acordou ir varios días á folga en outubro, e todas as fins de semana do mes de decembro, en resposta á falta de avances na negociación coa empresa.
Recurso contra os servizos mínimos
Roberto Alonso critica os abusivos servizos mínimos impostos pola administración estatal, xa que o servizo de cafetería "non é un servizo esencial tal e como quedou acreditado durante a pandemia", cando AENA ordenou o peche dos locais de hostalería no aeroporto. A CIG presentou recurso na Audiencia nacional contra o decreto de servizos mínimos por vulnerar o dereito fundamental á folga.
De igual xeito, demanda a implicación de AENA, como empresa principal, neste conflito para que obrigue a concesionaria ao cumprimento da normativa laboral e que respecte os dereitos do persoal.