O 1-O, a oportunidade para a Transición que nunca foi
Independentemente do que pase o 1-O, o que si é seguro é que nos próximos días viviremos, en Catalunya, a rebelión democrática e pacífica máis masiva até o de agora ocorrida en contra do réxime do 78
Durante estes últimos días, o Goberno do Estado repite, constantemente, que o referendo catalán vulnera os dereitos dos españois e a democracia. Coido, máis ben, que é todo o contrario. Á marxe do que ocorra o 1-O, o único certo é que este día constitúe unha oportunidade, sen precedentes no últimos corenta anos, para garantir máis dereitos e construír máis democracia en todo o Estado. E explico por que.
A Constitución de 1978 incorpora unha lista de dereitos. Con todo, as nosas vidas cotiás están cheas de situacións nas que estes son total ou parcialmente ineficaces. A grandes liñas, podemos diferenciar, en España, dous factores de desactivación da eficacia dos dereitos constitucionais: un factor extraconstitucional e un intraconstitucional. Entender o elemento de desactivación intraconstitucional dos dereitos permite ver, claramente, porqué o 1-Ou abre unha oportunidade democratizadora.
Os factores extraconstitucionais de desactivación de dereitos. Non considero necesario determe neste primeiro elemento. É, dabondo, coñecido. Un dos principais factores externos de desactivación de dereitos constitucionais foi e é o modelo neoliberal de UE. Coido que non hai dúbida de que a imposición dos chamados mecanismos de gobernanza económica europea, isto é, o sistema de institucións e procedementos de redución do déficit público e estabilidade orzamentaria dos Estados establecidos para lograr os obxectivos económicos dos tratados da UE, implica un desmantelamento e retroceso no financiamento e protección de moitos dereitos e servizos públicos.
Os factores intraconstitucionais de desactivación de dereitos. Si considero indispensábel determe neste segundo aspecto para entender o meu argumento. É común afirmar que a Transición e a Constitución de 1978 non é resultado dunha ruptura senón dun pacto entre as elites político-económicas franquistas e as forzas políticas democráticas. Cada unha destas dúas partes tiña modelos de Constitución distintos que acaban hibridándose nun único texto constitucional consensuado, no interior do cal coexisten o que podemos chamar os dous espíritos da Constitución do 78: un espírito hegeliano e un espírito liberal.
O espírito hegeliano da Constitución, enxertado nesta polos franquistas, plásmase no Título preliminar, o Título II, etc. e conforma aquela parte do texto á que se denomina como réxime do 78. Cando Hegel fala de Constitución non se refire a un texto xurídico que recoñece dereitos senón a un concepto ético-político como organismo político. De feito, fronte ao concepto alemán de ‘Verfassung’ que se usa para se referir á Constitución como lei superior que garante os dereitos fronte ao Estado, Hegel contrapón o concepto de ‘Konstitution’ para designar a Constitución nun sentido non normativo senón institucional, isto é, como principio de unificación onde o momento da sociedade civil se supera no momento seguinte e superior do Estado-nación. Para Hegel, a Constitución é a institucionalización dunha concepción orgánica do Estado, radicalmente contraposta á teoría atomista ou contractualista propia dos iusnaturalistas, segundo a cal a nación era a suma de individuos autónomos titulares de dereitos subxectivos. Segundo Hegel, o Estado é unha unión non unha asociación. A Constitución é a estrutura que organiza a conversión dun pobo ou “totalidade ética” en Estado ou “totalidade política”. A Constitución, polo tanto, como organización do todo é a forma específica na que as diversas partes que compoñen un pobo se constitúen nunha unidade superior de destino, diferente da fin do individuo.
Pola contra, o espírito liberal da Constitución, enxertado froito da loita democrática anti-franquista, plásmase no recoñecemento dos dereitos propios do constitucionalismo democrático. Na tradición liberal, a Constitución configúrase como aquel texto xurídico dirixido a limitar, disciplinar e regular o Poder en defensa dos dereitos individuais dos cidadáns. O centro da Constitución é a protección dos dereitos, inicialmente reducidos aos dereitos de liberdade individual durante o constitucionalismo liberal, pero que no século XX co constitucionalismo social se amplían tamén aos dereitos políticos e sociais.
En resumo, como sinalou Bobbio, mentres no constitucionalismo liberal a Constitución é un instrumento de garantía dos dereitos contra o despotismo, na concepción hegeliana a Constitución é un instrumento de garantía da unidade por riba das persoas e os seus dereitos.
Cada un destes dous espíritos da Constitución de 1978 (hegeliano e liberal) non opera, no interior do texto constitucional, como departamentos estancos, illados o un do outro, senón que se inflúen e limitan mutuamente. O espírito hegeliano da Constitución actúa, en moitas ocasións, como desactivador da parte liberal da Constitución. A sacrosanta unidade nacional actúa, frecuentemente, como xustificación “lexítima” da vulneración de dereitos. Cando un xuíz prohibe un debate público en Madrid, Gasteiz ou Xixón, o espírito hegeliano actúa como desactivador do dereito liberal á liberdade de expresión. Cando se prohibe investigar o paradoiro dos desaparecidos durante o franquismo e esixir responsabilidade aos culpábeis, o espírito hegeliano actúa como desactivador do dereito liberal á memoria histórica e dignidade das vítimas. Cando á infanta a acusan de roubar e é absolta ou a Igrexa está exenta do pagamento de determinados impostos, o espírito hegeliano actúa como desactivador do dereito liberal á igualdade ante a lei. Ou, cando TVE se converte nun auténtico NON-DO e se pechan outros medios de comunicación que non seguen o discurso oficial, o espírito hegeliano actúa como desactivador do dereito liberal á liberdade de información.
Existen, en resumo, dous factores que actúan como inimigos ou desactivadores dos dereitos constitucionais. Un extraconstitucional (a UE neoliberal) e outro intraconstitucional (o réxime do 78 ou espírito hegeliano da Constitución) herdado do franquismo. Botar abaixo calquera destes dous factores só pode ser sinónimo de garantir máis dereitos e construír máis democracia. E botar abaixo o segundo é, precisamente, a oportunidade que abre o 1-O.
Como dicía, independentemente do que pase o 1-O, o que si é seguro é que nos próximos días viviremos, en Catalunya, a rebelión democrática e pacífica máis masiva até o de agora ocorrida en contra do réxime do 78 e, xa que logo, do factor intraconstitucional de desactivación de dereitos dos todos os cidadáns do estado. Se os movementos sociais, organizacións e cidadáns do resto do estado son capaces de esapallar esta revolución democrática e pacífica re-contextualizando, nos seus territorios, a dura represión que vai sufrir a poboación catalá nunha explosión participativa sostida de solidariedade a favor dos dereitos liberais democráticos e a apertura de procesos constituíntes, estaremos ante o inicio do fin do réxime do 78 e ante as portas daquelas transicións que nunca se produciron en 1978. Para iso, os cataláns necesitan dos cidadáns do resto do estado e estes dos primeiros. Axudémonos os uns aos outros.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 26 de setembro de 2017]