Convocan novas mobilizacións e recollidas de sinaturas en defensa do convenio de hostalaría da Coruña

As centrais sindicais denuncian soldos que apenas superan o SMI, xornadas abusivas e falta de descansos
A Coruña - 03 Set 2025

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocan novas accións para reclamar un convenio digno no sector da hostalaría da provincia da Coruña tras a concentración celebrada o pasado 20 de agosto coincidindo coa celebración do evento gastronómico The Chamipons Burguer na cidade. Nesta ocasión levaranse a cabo recollidas de sinaturas tanto na Coruña como en Santiago, así como unha concentración na capital galega o vindeiro 26 de setembro.

As centrais sindicais lembran que os datos publicados recentemente amosan que a hostalaría coruñesa “vive un verán de récords de ocupación e actividade”: no mes de xullo acadouse un 88 % de ocupación hoteleira, tres puntos máis que no ano anterior; as terrazas e establecementos do centro rexistraron unha elevada afluencia, especialmente durante as festas, cun volume de negocio significativo; e a propia patronal recoñeceu que as cifras de 2025 igualan ou superan ás de 2023, a pesar dalgunhas incidencias climatolóxicas e loxísticas. 

A patronal pretende recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal

Mais este incremento de facturación e beneficios contrasta coa realidade das persoas traballadoras: salarios que apenas superan o SMI, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal. “Non se pode pretender atraer nin reter persoal cualificado nun sector que cronifica a precariedade e converte a saúde laboral en moeda de cambio. As altas taxas de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica confirman que as condicións actuais son insostibles”.

Campaña de mobilizacións

Neste contexto, a CIG, CCOO e UGT chaman o persoal do sector e a veciñanza a participar activamente nas recollidas de sinaturas e na concentración do 26 de setembro en Santiago para reclamar unhas condicións laborais dignas, “porque o éxito económico da hostalaría coruñesa non pode sosterse sobre a precariedade laboral. Se o sector medra en facturación e beneficios é xusto e necesario que ese crecemento se traduza en melloras reais para as persoas que fan posible o seu funcionamento diario”.

Calendario das recollidas de sinaturas e da concentración

● 4 e 5 de setembro – Recollida de sinaturas no Obelisco, na Coruña, de 10:00 a 13:00 horas.


● 11 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza do Toural, en Santiago, de 10:00 a 13:00h.


● 12 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza Roxa, en Santiago, de 10:00 a 13:00h.


● 26 de setembro – Concentración na Praza do Toural, en Santiago, de 11:00 a 12:00h.