Nova xornada de protestas en Pescanova Arteixo por un convenio digno
Este venres, as traballadoras e os traballadores da fábrica de Pescanova en Arteixo volvéronse concentrar para exixir un convenio colectivo digno e denunciar a postura intransixente da empresa, que se nega a aceptar ningunha das demandas da parte social. O persoal mobilizouse diante da fábrica durante dúas horas -coincidindo co cambio de quenda- para reclamar un incremento salarial xusto que permita acurtar as diferenzas cos soldos que se percibe nos centros de Pescanova da provincia de Pontevedra.
As traballadoras e os traballadores rexeitan o bloqueo patronal a calquera das propostas que lle trasladaron, impedindo así avanzar nun acordo para a sinatura do novo convenio colectivo. Neste senso, a FGAMT-CIG subliña que a principal reivindicación a nivel económico é lograr un incremento salarial igual ao xa pactado para as instalacións de Nueva Pescanova en Chapela e O Porriño máis unha suba lineal de 200€ ano por persoa.
Este incremento ten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os salarios que percibe o persoal do centro industrial de Arteixo e o cobran as compañeiras e compañeiras das outras plantas de Pescanova. Unha reivindicación xusta e lexítima que a empresa non quere asumir.
Xunto a isto demandan ampliar os permisos (retribuídos e non retribuídos) e regular o dereito á desconexión dixital, xa que neste centro de traballo son habituais as reunións telemáticas fóra da xornada ordinaria.
Neste senso, a reclamación da parte social é que o tempo dedicado a estas xuntanzas compute como tempo de traballo efectivo e se desconte da xornada habitual, algo ao que a empresa tamén se nega.
A causa desta postura intransixente de Pescanova, o persoal acordou facer dúas concentracións esta semana e, ante o inmobilismo da dirección, xa están avaliando ampliar as mobilizacións para exixir un convenio digno e que recolla auténticas melloras laborais e salariais.