Nova xornada de protesta do persoal de Einsa Print en demanda de melloras salariais e sociais

Os traballadores e traballadoras levan doce anos cos soldos conxelados
As Pontes - 10 Out 2019

Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print volvéronse concentrar este xoves diante das instalacións da empresa (As Pontes) para esixir melloras salariais e sociais. A protesta desenvolveuse entre ás 14:00 horas e ás 16:00 horas coincidindo coa entrada e saída das quendas laborais, de tal xeito que o persoal con quenda de tarde se mobilizou de dúas a tres e o de mañá, continuou a protesta das tres ás catro.

Esta é a segunda concentración que desenvolven esta semana, dentro do calendario de mobilizacións aprobado na asemblea celebrada o pasado 26 de setembro, tras varias xuntanzas coa dirección nas que se non se puido chegar a un entendemento xa que as propostas da empresa distan moito das reivindicacións do comité. Deste xeito, a próxima semana están convocadas dúas novas concentracións, que se realizarán no mesmo horario, o luns 14 e o xoves 17 de outubro.

O presidente do comité de empresa e delegado da CIG, Daniel Pena, lembra que os/as traballadores/as levan preto de doce anos cos salarios conxelados, polo que considera que agora que a factoría ten carga de traballo e unha situación estábel, xa é hora de comezar a aplicar melloras salariais que permitan a recuperación do poder adquisitivo perdido nestes tempo.

Ademais, o persoal reclama melloras de tipo social, como o dereito de acompañamento das fillas e fillos á consulta médica. Xunto a isto, tamén se piden garantías de inversión e modernización da planta das Pontes para dotala de futuro.