Nova mobilización en Ferrol contra o bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo da sanidade privada
Este calendario de mobilizacións responde á falta de avances na negociación do convenio colectivo pola negativa da patronal a modificar a súa proposta inicial. Proposta que descarta calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais, só ofertando un miserento incremento salarial do 0,625 %. "Porén, a patronal demanda unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando así as condicións laborais dos traballadores e traballadoras durante este tempo".
"Transcorridos meses e meses, a patronal segue a rexeitar calquera iniciativa que supoña un avance nas condicións de traballo, pretendendo manter o persoal sen ningunha mellora nin laboral, nin salarial durante o máximo tempo posíbel", denuncian.
As centrais sindicais denuncian tamén que a patronal obstaculiza a negociación do convenio colectivo, ao negarse unha e outra vez a mover as súas posicións, falseando o proceso e converténdoo nun paripé.