Nova protesta do persoal de Albada por un convenio que permita recuperar "os dereitos que nos roubaron"
Os traballadores e traballadoras de Albada volvéronse concentrar este venres na Praza de María Pita para esixir a intervención inmediata do Concello da Coruña no conflito aberto coa empresa a causa do bloqueo da negociación do novo convenio colectivo. A protesta prodúcese a pouco máis dunha semana do inicio da folga indefinida na planta de tratamento de residuos de Nostián.
Ao berro de "a merda queda aquí, os cartos para Pekín", "Ferreiro escoita, Albada está en loita", ou "a solución é á municipalización", o persoal reclamou do Concello, como titular do contrato, unha mediación activa no conflito para desbloquear a situación e poder avanzar na sinatura dun convenio que permita recuperar os dereitos roubados nos últimos anos.
A este respecto, Hadrián Canosa, delegado da CIG, apuntou que o actual convenio de Albada está caducado e remata a ultravixencia a 31 de decembro deste ano. A partir desa data o persoal pasará a estar rexido polo convenio estatal de sector, que contempla unhas condicións moi inferiores. Canosa subliñou que "os traballadores e as traballadoras só pedimos recuperar os dereitos que tiñamos en 2013 e que os salarios se actualicen cando menos cos IPC destes anos". Unha actualización que, lembrou, a empresa lle está a reclamar ao Concello da Coruña "pero que non lle quere aplicar os seus traballadores e traballadoras".
Porén, valéndose das facilidades introducidas pola reforma laboral de 2012, da proximidade do remate da concesión e de supostas perdas, Albada (a UTE encabezada por Urbaser que xestiona as instalacións de Nostián dende hai máis de 20 anos) dilata as negociacións e dende hai máis dun mes non se reúne coa representación social.
Remunicipalizar as instalacións
Á vista da falta de avances nas negociacións, Canosa animou a todos os traballadores e as traballadoras da planta a folga indefinida que, todo parece indicar, será unha realidade dende as 10:00 horas do próximo domingo 21 de abril.
Neste senso, a sección sindical da CIG instou o Concello a que active todos os mecanismos para garantir o mantemento dos empregos, así como as condicións laborais e económicas que ten o persoal e reiterou que "a mellor garantía neste camiño é a remunicipalización das instalacións", especialmente tendo en conta que o modelo de xestión privatizada escollido para a planta de Nostián tense demostrado un absoluto fracaso.