Nova demostración de forza do persoal de ambulancias na segunda xornada de folga
Os traballadores e as traballadoras do sector das ambulancias están secundando este venres a segunda xornada de folga para reclamar un convenio digno e unha mellora no servizo. A folga, como na véspera, rexistra un seguimento completo entre o persoal que pode exercer este dereito, tendo en conta os abusivos servizos mínimos impostos.
O persoal volveu visibilizar a súa loita con mobilizacións diante dos hospitais das distintas áreas sanitarias e reparto de follas informativas entre as persoas usuarias. Malia o éxito da folga, a patronal segue sen facer ningún xesto e non mantivo contacto coa representación sindical para retomar as negociacións do convenio, estancadas precisamente pola actitude inmobilista do empresariado que se nega a abordar sequera a maioría das propostas do persoal.
Neste senso, Xesús Pastoriza, responsábel de transportes da FGAMT-CIG, critica que a Xunta de Galiza, a pesar da folga afectar a un servizo básico da sanidade pública, tampouco está a traballar a prol do desbloqueo do conflito. De feito, os únicos contactos que houbo foron breves e con carácter totalmente informal.
No día de onte, co conselleiro de Sanidade en Pontevedra, aproveitando a súa presenza na sesión constitutiva da nova corporación da Deputación provincial. Até alí acudiu o piquete informativo para demandarlle a implicación da Xunta e solicitarlle unha reunión formal, ao que contestou "que xa nos comunicaría se podería".
E pola noite, na Coruña, co vicepresidente primeiro, Diego Calvo, nun encontro breve con delegados/as que se achegaron até os Xardíns de Méndez Núñez con motivo da súa participación no acto de inicio da campaña electoral do PP na cidade.
Así as cousas, Pastoriza advirte que nestas dúas xornadas de folga o sector está evidenciando a súa disposición a loitar por un convenio digno con salarios xustos, pola mellora das condicións laborais (que pasa por incrementar os cadros de persoal e o número de ambulancias, é dicir a dotación dos contratos) e por conseguir un servizo de transporte sanitario urxente e non urxente de calidade para toda a cidadanía.
Manifestación en Compostela
O próximo mércores, 12 de xullo, está convocada unha manifestación nacional en Compostela que sairá ás 12 horas da Praza Roxa e rematará diante do complexo administrativo de San Caetano.
Ademais, xa están convocadas tres xornadas máis de folga para os días 19, 20 e 21 de xullo e, de non producírense avances nas negociacións, as mobilizacións intensificaranse nos próximos meses.