Noa Madera Creativa quere despedir 90 traballadores/as e meter nun ERTE de 15 meses ao resto do persoal
O comité de Noa Madera Creativa denuncia que o Grupo Malasa vén de presentar un expediente de regulación extintivo para a metade do persoal (unhas 90 persoas) e un expediente de regulación temporal de 15 meses de duración que afectaría a outra metade dos traballadores e das traballadoras. Esta medida, implica un cambio substancial na política de desmantelamento da empresa iniciado por Malasa xa que, na práctica, supón o peche das instalacións de Vilar do Colo (Fene), nas que traballan arredor de 180 persoas.
Pero á gravidade desta situación, explica o comité, "hai que engadir que para despedir e regular temporalmente ao persoal, alegan causas económicas e de produción, nin sequera se acollen á forza maior provocada pola Covid19, o que limitaría a duración do ERTE á vixencia do estado de alarma, non lle correría o desemprego ao persoal afectado e unha vez reincorporado ao traballo ninguén podería ser despedido cando menos durante seis meses".
A representación social critica que "ningunha destas medidas postas a disposición das empresas para minimizar o impacto desta pandemia son tomadas en consideración por parte dos propietarios de Noa. Simplemente se aproveitan desta situación para aforrar cartos, despedir impunemente e desfacerse dun cadro de persoal que ten uns dereitos e unha antigüidade que a fai menos dócil e explotábel".
Cómpre non esquecer que o grupo Malasa traballa para marcas como Inditex ou Adidas, empresas que adoptaron medidas para minimizar o impacto desta crise sobre o persoal e que outros grupos do sector, aínda optando por levar adiante un ERTE, "fixérono alegando causas de forza maior, limitando a súa duración á vixencia do estado de alarma e evitando así que o persoal afectado gastase a prestación por desemprego".