No día das inocentadas, as traballadoras de Vegalsa-Eroski danlle as grazas á empresa por regresar ao convenio provincial
O 28 de decembro é día de facer inocentadas e as delegadas e delegados da CIG en Vegalsa-Eroski quixeron facer o propio dándolle as grazas á empresa por regresar ao convenio do comercio de alimentación da Coruña e recuperar todos os dereitos perdidos dende o ano 2006, cando a compañía saíu do marco provincial para aplicar un convenio propio de ámbito estatal, negociado con CCOO, UGT e FETICO.
Diante da central da empresa no Polígono da Agrela, adornadas con monecos de inocente, gorros de festa e unha pancarta de agradecemento por esta falsa noticia, as delegadas e delegados cantaron unha panxoliña na que piden volver ao convenio provincial, denuncian a precariedade laboral e o empobrecemento que veñen padecendo dende que se lles aplica o convenio propio de Eroski, e na que rexeitaron a negativa da compañía a atender as súas reivindicacións.
Alejandra Formoso, delegada da CIG, explica que dende o ano 2006 o persoal de Vegalsa-Eroski está perdendo poder adquisitivo xa que as subas salariais pactadas sempre foron inferiores ao IPC. A tal punto que a diferenza salarial co convenio provincial (para persoal coa mesma antigüidade e categoría) chega aos 3.000 euros anuais. De feito, calculan que para equiparar os soldos da empresa cos do convenio sectorial, Vegalsa-Eroski tería que aplicar unha suba consolidada de entre o 11% e o 18%.
Por iso, neste 28 de decembro quixeron evidenciar a inocentada que significa continuar reguladas polo convenio propio e exixíronlle a Vegalsa-Eroski que cumpra co estabelecido na reforma laboral, segundo a que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ás do convenio de sector. "Queremos que Vegalsa regrese o convenio provincial, pero a empresa négase a negociar e o único que fai é prometer unha prima de 400 euros, que non é máis que unha esmoliña. Nós o que queremos é cobrar como as compañeiras de Gadis ou Froiz", salienta.
Sen plus de transporte e sen licenzas
Porque ademais, as empregadas e empregados de Vegalsa-Eroski tamén perderon o plus de transporte (o que lles supón mil euros menos ao ano) e viron como empeoraban as súas condicións de traballo a nivel de xornada e licencias. "O convenio provincial recolle como tempo efectivo de traballo os dez minutos de descanso para quen ten xornadas de máis de seis horas. Pero a nós, a empresa obríganos a recuperar ese tempo de descanso, o que implica que traballamos 70 horas máis ao ano".
Xunto a isto, Formoso sinala que tampouco teñen recoñecidos os tres días de asuntos propios nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se mova o resto do calendario. "Nós temos regulados dous ou tres sábados ao ano pero esas horas hainas que recuperar. Deste xeito, temos entre 25 e 30 días no calendario anual nos que facemos unha xornada diaria de nove horas; e iso sen contar os días de inventario, nos que poden poñernos as horas que queiran porque así está estipulado no convenio".
Por todos estes motivos, as delegadas da CIG levan anos reclamando regresar ao convenio provincial da Coruña "de onde nunca nos deberon sacar", e advírtenlle á empresa que continuarán as mobilizacións até conseguir unhas condicións dignas, polo que non descartan a convocatoria de folga.
Menos salario e máis horas de traballo
Segundo os cálculos da CIG-Servizos, as traballadoras/as que xa estaban na empresa con anterioridade a 2006 deixaron de percibir 20.398,02€ con respecto ao persoal regulado polo convenio provincial, mentres que no caso das traballadoras e traballadores que entraron con posterioridade a esa data, a diferenza foi de até 34.365,61€ (en función dos anos traballados).
Neste tempo, ademais, o persoal de Vegalsa-Eroski realizou 1061 horas de traballo máis en comparación coas compañeiras do provincial.