Neste 20-O, a CIG apoia as iniciativas dos colectivos LGTBI galegos a prol da despatoloxización

A central sindical anima a participar na manifestación que teñen convocada na Coruña para este domingo, 23 de outubro
A Coruña - 20 Out 2016

Hoxe, 20 de outubro, conmemórase o Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans e colectivos en todo o mundo volverán a manifestarse para esixir que a transexualidade deixe de ser considerada unha enfermidade, denunciando os recortes sanitarios e os dereitos sociais das persoas trans, así como a transfobia aínda vixente na meirande parte das sociedades.

Desde a Confederación Intersindical Galega apoiamos as reivindicacións das asociacións LGTBI galegas (Asociación TransForma Unión Trans, Asociación de Familias de menores trans ARELAS, ULTREIA LGTBI, ALAS Coruña, Nós Mesmas e Comité Antisida da Coruña CASCO) a prol dunha Lei Galega de Identidade de Xénero, facendo un chamamento a participar na mobilización convocada o vindeiro domingo 23 de outubro, que sairá dos Cantóns da Coruña ás 12 horas e percorrerá o centro da cidade até María Pita.

As asociacións galegas reclaman o recoñecemento da identidade de xénero en todos os ámbitos da vida, así como unha carteira de políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans en sociedade, esixindo asemade, a retirada das categorías diagnósticas relacionadas cos tránsitos no xénero dos dous manuais de enfermidades empregados  en todo o mundo médico, é dicir, a retirada da  transexualidade como enfermidade, así como a mención non patoloxizante, e unha atención sanitaria trans-específica para facilitar unha cobertura pública sanitaria integral, que permita desde as cirurxías de reasignación sexual necesarias, así como unha creación dunha unidade asistencial de referencia para identidade de xénero.

Instan tamén á inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos e nos plans de convivencia aprobados en Galiza para evitar e actuar ante casos de acoso escolar, e a creación dun documento identificativo transitorio para as persoas que residan no país e que non se sintan identificadas co xénero rexistrado, plans de fomento de emprego e de autoemprego, a creación dun Observatorio LGTBI de investigación, control, atención integral e asesoramento xurídico,  son outras das medidas demandadas polos colectivos convocantes.

DESPATOLOXIZACIÓN : UNHA LEI GALEGA DE IDENTIDADE DE XÉNERO XA!