Negociación do metal, ensinanzas do pasado

Manuel Mera - 30 Mai 2022

Só se respectan os convenios colectivos alí onde hai forza sindical combativa e con estratexia. Na maioría das empresas os ritmos de traballo son abafantes, en moitas non se cotizan e pagan as horas realizadas a máis, alongando de feito á xornada laboral real

 Hai máis dun mes que comezou o conflito do metal na provincia da Coruña, centrado na negociación dun novo convenio colectivo, que rematou hai dous anos, e que a patronal se nega a renovar non sendo que a clase traballadora acepte condicións moi regresivas. No último mes as centrais sindicais con incidencia (CIG, CCOO e UGT) responderon con catro xornadas de folga que foron un éxito, tendo en consideración a participación nas mobilizacións, a actitude dos medios de información e a actitude represiva da patronal. As reivindicacións sindicais son lóxicas, mesmo moderadas: que o salario se actualice todos os anos co IPC, un día máis de vacacións, regulación do plus de perigosidade, limitación das ETT. As pretensións da patronal, poñen as primeiras pedras para un retroceso histórico nas condicións laborais: asinar un convenio por seis anos, sen actualización anual e ademais flexibilizar unha parte da xornada, 176 horas, que se realizarían cando a empresa o estime oportuno, o que crea unha situación de dependencia constante da empresa, que impide que o traballador e traballadora poidan programar a súa vida persoal á marxe da actividade laboral.

 A CIG ten a esta altura unha longa historia, xa que este ano se cumpren cinco décadas das folgas de 1972 en Ferrol e Vigo, e na primavera de 1973 hai medio século producíase o nacemento da Fronte Obreira da UPG, cerne dos xermolos sindicais, do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING). Hoxe a CIG, herdeira deste proceso e dunha ringleira de organizacións que se foron sumando para construír un sindicalismo de clase, nacional e combativo (INTG, CTG, CSG, CXTG...). Un proceso que tivo momentos intensos e outros máis pasivos, respecto á participación e mobilización da clase traballadora, mais nos que, como hoxe, a central sindical sempre estivo na primeira liña de combate, animando a participación e protagonismo da clase traballadora galega. E isto é o fundamental, xa que frea o derrotismo e anima a participación, crea conciencia social e política e ten un papel fundamental para conquistar a xustiza social e a soberanía nacional.  

 En relación con este tema quero reproducir un artigo que realicei sobre a folga do metal do ano 2007, hai 15 anos, na provincia de Pontevedra, porque considero que as reflexións seguen a ser válidas respecto da conflitividade laboral, das causas e do proceso. Lembremos que esta folga veu precedida por paros e mobilizacións no sector durante o ano 2006 acadando importantes avances no convenio do metal, tanto salariais, como nas condicións laborais. Un sector da patronal, ligada esencialmente á construción naval, non cumpriu os acordos pactados, polo que se reiniciou a loita para facelos efectivos.

O naval en loita

 Desde o 3 até o 21 de maio do ano 2007, data na que comezaron a traballar de novo os operarios do sector naval, foron 14 días intensos, de marchas, ocupación de edificios públicos, bloqueo do tráfico en lugares chave, presión policial, algunha detención; ou sexa: mobilizacións para chamar a atención, sensibilizar a sociedade e obrigar a patronal a cumprir o convenio, e a Inspección e Consellaría de Traballo esixirlles que sexan garantes efectivos de que así se faga. A folga e a protesta son os únicos mecanismos efectivos que ten a clase obreira para conseguir unha distribución máis xusta da riqueza e mesmo garantir que se lle faga cumprir á patronal a lexislación laboral. Lembremos que estamos diante dun capitalismo globalizado, polo tanto de empresas non dependentes dun centro de traballo e ás veces dispostas a aguantar perdas económicas conxunturais importantes, que pensan recuperar con creces coas diferenzas de plusvalías futuras duns salarios baixos, ou con axudas doutras patronais que ven na confrontación unha aposta estratéxica.

 Só se respectan os convenios colectivos alí onde hai forza sindical combativa e con estratexia. Na maioría das empresas os ritmos de traballo son abafantes, en moitas non se cotizan e pagan as horas realizadas a máis, alongando de feito á xornada laboral real. Falta inspección, as multas impostas ou non se pagan ou terminan por ter un valor simbólico; moitas reclamacións dos traballadores/as cando se deciden en Maxistratura xa carecen de valor efectivo, mesmo hai cada vez máis sentenzas que fan unha interpretación neoliberal das relacións laborais, mediante unha lectura pro empresarial da lexislación vixente. A xustiza está politizada e é clasista. Do que non hai dúbidas é que se un obreiro nun cumpre bótano ao día seguinte. Existe unha dobre vara de medir.

 Neste contexto hai que entender a loita dos traballadores do naval, cun engadido histórico, o metal é na provincia de Pontevedra un sector con tradición de mobilización, unidade e participación, como xa se reflectiu no convenio do ano pasado. Ademais, na provincia de Pontevedra unha boa parte dos operarios son mozos e o sindicalismo nacionalista é maioritario, cun peso no sector rente do 48% do total.

 A folga comezou porque había empresas do naval que non cumprían o pactado en convenio, moi especialmente Nervión, no referente ao mínimo de empregos fixos que deben ter no cadro de persoal, neste ano un 45% do total. Aceptar a postura desta empresa sería botar abaixo todo o conseguido no convenio e, como consecuencia da derrota, dar moitos máis pasos atrás nas conquistas acadadas durante décadas de loita. A única resposta posíbel era aceptar o reto e convocar o paro en todo o sector naval.

 Os empresarios utilizaron todos os medios para desprestixiar a folga mesmo pediron unha e outra vez contundencia policial, coa pretensión de que o paro se fixera invisíbel. Parecíalles isto unha saída máis positiva que a negociación, o que reflicte o seu grao de civilización cando lles atinxe o peto. Secundados nestas reclamacións pola dereita, especialmente pola alcaldesa de Vigo, que amosou así a súa faciana máis reaccionaria. É verdade que houbo algún acto de violencia gratuíta, porén foi conxuntural, minoritario e condenado polos sindicatos. En 14 días de manifestacións, con miles de persoas na rúa é imposíbel que todo siga unha orde perfecta, máxime cando as economías persoais se resenten e os nervios están máis presentes. De todos os xeitos o fundamental foi a protesta medida, a organización e as ocupacións sen incidentes (como en Facenda). Mesmo así o acontecido amosa que é necesaria unha maior formación e estrutura político-sindical. Os medios de información (uns máis que outros) fixeron da anécdota o principal, servindo deste xeito os intereses dos empresarios, tomando parte descaradamente por unha das clases en conflito... despois de todo eles tamén son empresas.

 Nas relacións entre as forzas sindicais esta non era unha folga doada, como xa se demostrou no paro de fai un ano as diferenzas son notorias. Había forzas dispostas a ceder e pactar calquera proposta e outras que todo lles parecía pouco. Nestas actitudes xúntanse concepcións ideolóxicas e o oportunismo do que procura ampliar o seu espazo de calquera xeito. O sindicalismo nacionalista, hexemónico, tiña que conducir todas estas expresións e levalas polo mesmo rego para evitar que a patronal aproveitase as diferenzas ou estas debilitasen a participación. Nesta folga isto conseguiuse, tal como se demostra no feito de que o preacordo fose aprobado pola práctica unanimidade nas asembleas, só houbo un voto en contra en Vulcano. Só ao final a UGT facendo unha reviravolta aparece como crítica ao acordo, iso si desconvocando a folga, e negándose durante o conflito a secundar un paro que abranguese a todo o metal. Ou sexa, unha postura non críbel, digna de ser analizada pola psicoloxía máis que desde a coherencia política e sindical.

 Favoreceu para conseguir unha saída, como ignoralo, estar metidos nun proceso electoral, e este feito seguramente tamén incidiu para que a actuación policial fose medida. Sen deixar de estar presentes e dispostos a actuar, xa que nos últimos días había un gran despregamento de furgonetas e “especiais”, nas marchas numerosos policías de paisano e foron detidos moitos manifestantes unha vez rematadas as manifestacións (até hoxe nove, seis afiliados á CIG). Aínda que tardou en mollarse, ao final a mediación da Consellaría de Traballo e da Inspección foi positiva, xa que premeu para conseguir un acordo.

 A patronal tampouco estaba unida, polo que sabemos que había posturas máis negociadoras e outras máis intransixentes, como a de Asime, supoño non tanto por solidariedade cidadá como porque xogaban máis ou menos cartos segundo a duración da folga e as súas consecuencias. As declaracións que realizaron, despois de aceptado o preacordo polas asembleas de traballadores, dicindo que ían contratar 3.000 polacos e romaneses parece máis unha ameaza que un dato valorado e realista. Semella que ten a intención de dicir que en calquera intre podían substituír os operarios con xente de fóra, agora para recuperar as horas perdidas mañá para suplantalos. Amosa ademais que moitos ven o país como unha leira na que eles teñen, como durante o feudalismo, dereito a facer e desfacer sen obrigacións sociais. A mesma solicitude do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra pedindo man dura e actuacións legais contra os sindicatos por vandalismo, reflicte que non dixeriron ben que teñan que cumprir o que pactan, que as regras de xogo tamén van cos poderosos, cos donos do diñeiro.

 Outros dos temas utilizados arreo nos xornais foi o do custo económico da folga, moi esaxerado nalgunha información. En poucos casos se tivo en conta que os responsábeis eran os patróns, en case que ningún se fixo mención aos custos que tiñan para os obreiros do naval, cuns ingresos mensuais duns mil euros, que son maiores exclusivamente facendo máis e máis horas extras, nun traballo duro, ao aire libre, chova, vaia vento e frío, e mesmo abafando de calor.

 Sen dúbida este acordo, que completa o convenio asinado hai un ano, evita dobres interpretacións e amosa á patronal que de non cumprilo en todas as empresas afectadas se enfrontan a un novo conflito. O acordo dá máis garantías e semella que terá unha maior vixilancia por parte da Xunta. Agora ben isto non significa que non se dean incumprimentos. O acordo é un cambio de tendencia xa que significa enfrontar a temporalidade sen que a patronal reciba en troca abondosas achegas dos cartos públicos.

 Neste conflito do naval desde os dirixentes máis veteranos da CIG que conduciron a loita (Antolín Alcántara, Miguel Malvido, Manolo Domínguez, Víctor García, etc.) fíxose unha aposta importante por incorporar a mocidade tanto nas mobilizacións como empurrando pola súa participación, conscientes que son o relevo necesario e que se debe evitar unha fenda xeracional.

Conclusións

 Cómpre subliñar que a participación que se deu na folga do metal, a súa dureza, a cantidade de días que durou, amosa ademais que os que dan por morta a clase obreira non son capaces de ver o que pasa ao seu redor. É verdade que desapareceron moitas das grandes empresas, porén no mesmo recinto da fábrica ou noutras que son a súa extensión produtiva, traballan tantos ou máis operarios/as que antes, facendo as mesmas funcións. Hoxe hai máis traballadores/as en Galiza que hai unha década realizando o traballo tradicional da clase operaria, sexa detrás dunha máquina, conducindo un camión, limpando portais, ou servindo de camareiros/as nun bar ou hotel.

 Afirmaba daquela: a clase obreira segue a ser o sector maioritario da clase traballadora e das clases populares, a que libra as loitas de vangarda, e a que ten un maior sentido de clase aínda que sexa intuitivo. A vella teoría marxista non pasou de moda, senón que mudaron de formas e comportamentos exteriores do capital e da xente. A nación galega pasou en 30 anos de ser unha sociedade onde a metade da poboación activa era labrega (cunha economía de subsistencia e características de semiproletariado) a outra na que a clase traballadora é maioritaria, un 80%, hai unha burguesía globalizada moi forte, a maioría da economía fica en mans estranxeiras e existe unha clase media desafogada que mesmo abrangue un sector da clase traballadora. Todo isto condiciona a política de alianzas, e como tratar, divulgar e explicar as loitas laborais, tamén sen dúbida as do metal.

 O anterior é correcto, mais o capital ten moito mecanismos de poder, máxime cando ten un papel subalterno, como se demostrou coa desfeita do sector naval en Vigo, o que nos leva a relacionar a loita sindical co poder político-institucional, co grao de conciencia social, co papel dos medios de comunicación, coa folla de ruta, co partido da clase traballadora e, co papel de Galiza no EE e na UE. E isto condiciona a estratexia, mesmo cando un conflito se gaña, como no 2006 e 2007. Conseguir un bo convenio no metal da Coruña é de xustiza, máis o avance será momentáneo mentres non mude a correlación de forzas, gañando protagonismo, conquistando a soberanía e a xustiza social.

 

[Galiza, 30 de maio de 2022]