Mutacións da precariedade laboral: nin moito máis emprego nin menos estabilidade

Daniel Albarracín - 31 Mai 2022

Por unha banda, asistimos a unha redución estatística da temporalidade no emprego. Por outra, vemos un crecemento do emprego a tempo parcial e do fixo descontinuo, fórmulas de axuste empresarial que aplican solucións de desemprego parcial que abaratan custos laborais mellorando os niveis de produtividade por hora das empresas. Este fenómeno novo combínase coa depreciación salarial xeral e a intensificación do traballo

 Estanse a anunciar resultados espectaculares da reforma laboral, afirmándose que a reforma está a crear emprego e a reducir a temporalidade. Porén, nin a política de emprego pode causar por si soa novo emprego -agás que modifique a xornada laboral máxima coa conseguinte repartición do traballo- nin a caída estatística de temporalidade conduce necesariamente a unha maior estabilidade no emprego. Pola contra, deixando incólume os preceptos das anteriores reformas vai causar unha mutación nas formas de precariedade laboral e non impide a xeneralización da inestabilidade nas relacións laborais estabelecida con Zapatero e Rajoy.

 Recentemente analizabamos o perfil da reforma laboral na revista Viento Sur. Esta estabelece que o contrato indefinido sexa a forma habitual de contratación, propondo exixencias adicionais para subscribir contratos temporais. Así e todo, a regulación do contrato indefinido quedou igual. En 2010 e 2012, as indemnizacións ante o despedimento reducíronse substancialmente. A reforma tampouco propón regular as causas de despedimento, deixando machucadas as garantías que ofrece esta figura contractual.

 Chámaselle indefinido ao contrato porque simplemente non ten prazo de duración, que si teñen os contratos temporais. O despedimento das persoas con contratación indefinida segue a ser barato e fácil, lonxe da fixeza do funcionariado, e encarécese marxinalmente o despedimento da contratación temporal. Non hai disuasión nin causalización. De xeito que o empresariado está optando por converter contratos temporais ou contratar de inicio con contratos indefinidos en maior proporción que antes, sen moito maior custo nin barreiras á flexibilidade laboral.

 A reforma tamén facilita os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego. Adoitan traer consigo modificacións das condicións laborais, contando con recursos públicos para sufragar as prestacións de desemprego parcial e custos laborais da empresa durante a súa aplicación. Estes non impiden, pasados seis meses, un despedimento definitivo posterior, e aínda que non ten por que se producir necesariamente, permite o cambio unilateral, temporal ou permanente por parte da a empresa da xornada laboral, coa diminución conseguinte de salario.

A evolución do emprego

 Unha das mensaxes do Goberno é que se crea moito emprego grazas ás súas políticas. Se nos detemos nos datos, os logros non reflicten tanto brillo.

 As cifras seleccionadas contan empregos sen máis. Cómpre sinalar que é máis frecuente a presenza de empregos a tempo parcial ou fixos-descontinuos. O desemprego parcial, cada vez máis estendido, non aparece nas estatísticas agás que se indague un pouco máis do que nos contan.

 Convén así estudar a evolución dos postos de traballo equivalentes a tempo completo, que estiman os empregos harmonizando o seu tempo de traballo. Desde finais de 2019 até hoxe (IT2022) os empregos creados apenas foron de 263.600 empregos equivalentes a tempo completo, logrando superar o parón da pandemia en 2020 e 2021. Mais só evolucionan ao ritmo de crecemento rampante do período 2013-2019. Nin que dicir ten que, se contrastamos con 2008, que iniciou a Gran Recesión, seguimos con 985.600 empregos menos que daquela.

 

Fonte: Elaboración propia a partir de INE, Contabilidade nacional trimestral de España: principales agregados (CNTR).

Os datos de emprego preséntanse, adoito, cunha perspectiva parcial, comparándoo co chan  de emprego de 2020, o ano do confinamento. Se se presentan os datos así, desde o confinamento de 2020, e poñemos isto en comparanza cos datos do I Trimestre de 2022, creáronse un 23,5% máis de empregos. Porén, un contraste co IV Trimestre de 2019, xusto antes da pandemia, reflicte un aumento de apenas o 1,7% do emprego equivalente a tempo completo. En contraste co emprego existente en 2008, perdemos un -5,8% do emprego[1]. A situación da taxa de desemprego de hoxe (13,65%, IT2022) é case a mesma que a finais de 2008 (13,79%, e empeora o último trimestre de 2021 (13,33%), segundo datos EPA-INE. As mulleres padecen, ademais, un desemprego do 15,44% no IT de 2022, por riba da media. Estamos lonxe de mellorar a situación da crise iniciada entón, que, coas medidas que trouxo entre 2010 e 2012, conduciron a un longo período de contestación social, laboral e política.

Mutacións da precariedade laboral

 Os expertos en materia laboral levan décadas advertindo que temporalidade, precariedade e inestabilidade laboral, aínda sendo conceptos emparentados, non son o mesmo.

 A temporalidade estriba nunha situación inestábel de emprego, mais a inestabilidade laboral comporta un fenómeno máis amplo. Comprende todas as situacións de emprego nas que se produce unha inseguridade na continuidade do emprego ou de insuficientes garantías favorábeis a esta. Como sinalamos, un contrato indefinido non é un emprego fixo, só conta cunha indemnización por despedimento algo maior que outras figuras. Xa que logo, é erróneo pensar que sexa asimilábel a, por exemplo, o que é unha praza de funcionariado. Hai quen pensa que na administración pública hai máis seguridade no emprego, e non se repara en que as taxas de temporalidade máis elevadas se dan no mesmo sector público.

 Así mesmo, a precariedade laboral representa un fenómeno complexo, tamén difuso e de graos diferentes. Supón unha deterioración da calidade e no xénero de vida. A precariedade pode responder a unha situación de inestabilidade laboral -que impide pensar en proxectos persoais de futuro-, a condicións de baixos salarios -ou perda recorrente de poder adquisitivo-, a unha redución unilateral da xornada, ou un emprego fixo-descontinuo-. Todas causan falta de autonomía ou suficiencia económica, e poden implicar maior penosidade no traballo para lograr ser renovado ou continuar, traen asociada unha maior intensidade laboral excesiva, e non poucas veces prolongación de horas extraordinarias, en ocasións, mal pagas ou non pagas.

 Estas situacións tampouco convén confundilas co fenómeno de explotación, xeneralizábel a case toda a condición salarial -salvo, posibelmente, aos altos executivos de grandes empresas e institucións-, pola que unha minoría se apropia do excedente creado polos e as traballadoras.

 A reforma laboral, así e todo, produciu mudanzas. Algunhas son simples mudanzas estatísticas, que poden camuflar a aparición de novas formas de precariedade e unha soterrada extensión da inestabilidade no emprego.

 Así, detéctase en 2022 unha redución da taxa de temporalidade. Nos primeiros catro meses de 2022, un 40% dos contratos eventuais pasaron a ser indefinidos. Aínda que non debemos confundir contratación con empregos, porque unha persoa pode ter varios contratos nun mesmo emprego. Por iso, aínda que se convertan moitos contratos temporais en indefinidos só hai un incipiente reflexo na taxa de temporalidade no emprego. No IT de 2022 estamos no 26,8% de taxa de temporalidade, fronte ao 27,8% de finais de 2021, do 27,4% de antes da pandemia (2019) e o 30,2% de 2008 (INE-EPA). Esta taxa de temporalidade seguirá descendendo. O que non é equivalente a maior estabilidade nin menos precariedade no emprego, polos argumentos aducidos.

 O problema da precariedade muda, mais non desaparece, por varias razóns.

 A primeira é o deterioración dos salarios reais, froito da inflación e un crecemento dos salarios negociados moi inferior, propiciando un retroceso do fondo de salarios do 58,8% en 2008 ao 55% a fins de 2021; ou das pensións públicas e o raquítico de varias prestacións sociais, se non se evita un novo pacto de rendas ou a aplicación da reforma das pensións comprometida con Bruxelas a cambio dos Fondos Next Generation. Como elemento de contrapeso pódese sinalar a mellora do salario mínimo interprofesional de 2019, que foi importante de cara a mellorar a capacidade adquisitiva dos salarios máis baixos e con certo arrastre positivo sobre os estratos salariais inmediatamente superiores. Segundo, porque se vai conxugar unha extensión dos tempos de traballo non pagos, ou non pagos debidamente, xunto con diferentes fórmulas de redución de xornada e salario a nivel individual.

 Desde os anos 2000 vénse observando unha ampliación do emprego a tempo parcial. Practicamente se duplicou desde aquela e xa chega ao 14,5% do emprego. Esta situación trae consigo unha mingua do salario. Se nos fixamos na taxa de parcialidade das mulleres esta é mesmo maior, alcanza o 23%, moi por riba da media. Tamén lle sucederá ao contrato fixo-descontinuo (un emprego a "tempo parcial en cómputo anual").

 

Fonte: Elaboración propia a partir de Enquisa de Poboación Activa, INE.

 Dúas tendencias, así, semellan apuntar con clareza. Unha é o maior uso do contrato indefinido, que non comporta estabilidade en si. Mais outra tendencia ben clara é o recurso a fórmulas de abaratamento como o emprego a tempo parcial ou emprego fixo-descontinuo, que permiten seleccionar o período máis produtivo de dedicación e abaratar custos de xeito notábel, tanto salariais directos como indirectos -seguridade social, despedimento, etc.-.

Algunhas conclusións

 En conclusión, as políticas de emprego -agás se tocan a xornada laboral- non modifican as tendencias cuantitativas do emprego -conducidas pola dinámica económica de investimentos, movida pola taxa de rendibilidade-. A política económica aplicada caracterízase por un modelo de neoliberalismo compasivo, e a reforma laboral só matizou testemuñalmente as dúas anteriores. Porén, promove varias tendencias. Primeiro, as formas de inestabilidade esténdense e consolídanse. Segundo, as formas de precariedade no emprego mudan e van a máis.

 Por unha banda, asistimos a unha redución estatística da temporalidade no emprego. Por outra, vemos un crecemento do emprego a tempo parcial e do fixo descontinuo, fórmulas de axuste empresarial que aplican solucións de desemprego parcial que abaratan custos laborais mellorando os niveis de produtividade por hora das empresas. Este fenómeno novo combínase coa depreciación salarial xeral e a intensificación do traballo.

 Ningunha das medidas do Goberno logrou evitar estas deterioracións das condicións de vida e traballo, agás na aplicación do SMI en 2019, con UP fóra do Goberno, e unha alternativa de esquerdas máis sólida. A aplicación dos ERTE en 2020 amorteceu a recesión, mais non explica o efecto rebote posterior, e abre a porta ao abuso, dadas as prerrogativas coas que queda o empresariado para modificar unilateralmente as condicións de traballo.

 En definitiva, persisten as razóns para seguir a organizarse colectivamente en espazos políticos, sociais e sindicais para cambiar as políticas aplicadas. De non ser así, ábrense as condicións que darían o paso dun neoliberalismo compasivo e impotente a outro autoritario e agresivo.

_____________________________________________________________________________

[1] Fonte: Contabilidad Nacional Trimestral de España.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 20 de maio de 2022]