Mobilízanse polos impagos e os atrasos nos servizos xestionados pola empresa ourensá Gesmedical

A compañía do Carballiño ten a concesión dos SAF da localidade e do de Nogueira de Ramuín e das residencias de maiores do Cornubal e de Bande
O Carballiño - 18 Dec 2024

A CIG-Servizos de Ourense desenvolveu este martes concentracións diante do Concello do Carballiño e da residencia de maiores do Cornubal, situada tamén na localidade, para denunciar impagos e atrasos no pago dos salarios nos servizos xestionados pola empresa Gestmedical.

 

Dende a central sindical sinalan que a compañía con sede no Carballiño encárgase dos SAF tanto deste Concello como do de Nogueira de Ramuín e das residencias de maiores do Cornubal, no Carballiño, e da de Bande.

Mais dende hai meses Gesmedical non abona os salarios en tempo, e no caso do SAF do Carballiño tampouco pagou a extra de Nadal. “Xa non se usan os coches da empresa, isto ten moi mala pinta e calquera día entra en concurso de acredores”, advirten dende a CIG-Servizos. De feito, a compañía xestiona unha residencia en Asturies na que tamén se están a rexistrar problemas co pago dos soldos.

Por iso instan o Goberno local a elaborar un novo prego de condicións e a convocar canto antes o concurso de adxudicación do servizo. Mentres tanto continuarán coas protestas, fixando a próxima para este xoves 19, tamén diante do Concello do Carballiño e da residencia do Cornubal.