Mobilizacións na Coruña, Milladoiro, Padrón e Ribeira para reclamar a Vegalsa-Eroski que regrese ao convenio provincial
Delegadas e delegados da CIG e traballadoras e traballadores de Vegalsa-Eroski desenvolveron este mércores unha xornada de mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas e que se lles volva aplicar o convenio de comercio de alimentación da Coruña. As protestas realizáronse de xeito paralelo na Coruña, O Milladoiro, Padrón e Ribeira.
No caso da Coruña, aproveitando as datas festivas, as traballadoras fixeron uns "reis reivindicativos" na rúa Barcelona, onde montaron un mini mercado de nadal animado con música e que adornaron con globos e cartaces alusivos ás súas demandas e condicións de traballo. Mesmo tiveron un posto de pipocas para repartir á veciñanza que, entre curiosa e asombrada, paraba diante do posto. Non faltou tampouco a caixa para entregar as cartas cos desexos aos reis, nin follas de debuxos para que pintaran as crianzas.
No Milladoiro (Concello de Ames), a CIG concentrouse diante dun supermercado Familia mentres que en Padrón e Ribeira as protestas fixéronse diante de estabelecementos Eroski Center. Alí botáronlle unhas panxoliñas á empresa demandando regresar xa ao convenio sectorial.
Con esta xornada, a CIG dá continuidade ás mobilizacións que está a desenvolver dende o pasado 17 de decembro para reclamarlle á empresa que aplique o convenio de sector, no caso da Coruña, o convenio provincial de comercio de alimentación, que Vegalsa-Eroski abandonou no ano 2006 para pasar a aplicar un convenio propio de ámbito estatal negociado en Madrid con CCOO, UGT e FETICO.
Dende entón, lembra a delegada da CIG, Maricarmen Campos, as traballadoras e traballadores de Vegalsa (propietaria dos coñecidos supermercados Familia e Cash Record) e Eroski (que en Galiza opera nunha sociedade ao 50% con Vegalsa) están perdendo poder adquisitivo e dereitos con respecto ás compañeiras e compañeiros regulados polo convenio provincial, no que están empresas como Gadis ou Froiz. "A diferenza salarial é tan enorme que chega aos 3.000 euros anuais para persoal coa mesma antigüidade e categoría", subliña Campos.
Apunta que mentres no marco provincial se ían gañando dereitos e salarios, o persoal de Vegalsa-Eroski ficou coas condicións estancadas ou, nalgúns casos, incluso recortadas. "Despois de pasar cinco anos cos soldos conxelados, no ano da pandemia a empresa subiunos o salario un 1%, a pesar de obter beneficios millonarios", denuncia.
Pero ademais, o persoal de Vegalsa-Eroski traballa unhas 70 horas máis ao ano, pois non se lle computa como tempo de traballo efectivo os dez minutos de descanso "que temos que recuperar". Tampouco teñen recoñecidos os tres días de asuntos propios nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se mova o resto do calendario, e por enriba perderon o plus de transporte estabelecido no convenio provincial.
As delegadas da CIG critican a negativa Vegalsa-Eroski a negociar e exíxenlle que cumpra co estabelecido na reforma laboral, segundo a que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ás do convenio de sector, como é o caso. "Non pedimos nada extraordinario, só regresar ao convenio provincial da Coruña de onde nunca nos deberon sacar", insisten as delegadas.
Por iso, ante a falta de movementos da empresa, xa adiantaron que continuarán coas mobilizacións até conseguir unhas condicións dignas, non descartando a convocatoria de folga nas vindeiras semanas.