Milleiros de persoas claman “Nunca Máis” contra as mentiras e incompetencia do PP en Compostela
Milleiros de persoas tomaron esta mañá as rúas de Compostela movidas por un sentimento que une a todas as galegas e galegos: a defensa do noso mar. Unha mobilización na que se recuperou o “Nunca Máis” para denunciar as mentiras e incompetencia do PP non só ante unha nova crise medioambiental, que foron novamente incapaces de xestionar, senón tamén polo abandono das nosas rías e a crítica situación do marisqueo en Galiza.
Ao remate da manifestación, convocada por 129 colectivos, dos que 40 son do mar, deuse lectura a un manifesto nunha praza do Obradoiro ateigada, que comezou lembrando a responsabilidade de protexer o noso patrimonio natural e denunciando a situación de “indefensión” do noso litoral.
Marea de péllets
Xunto a isto, denunciouse tamén que ante a marea de granulados tóxicos que asolagou a costa, a Xunta de Galiza amosou, unha vez máis, a súa incompetencia, minimizando o problema, ignorando os datos científicos e non resolvendo “máis que con mentiras” o que definiron como “Prestige de luva branca”. Manipulación e mentiras que tamén denunciaron traballadoras e traballadores da CRTVG que participaron na mobilización portando a súa propia pancarta.
Unha marea de péllets da que advertiron que os seus efectos nocivos “perdurarán décadas no medio”, o que ao entender das asociacións e colectivos convocantes “amosa o fracaso de todo o que se aprendeu hai 20 anos, o fracaso dos sistemas operativos de seguridade marítima, tanto do Salvamento Marítimo dependente do Estado Español como do Servizo de Gardacostas dependente da Xunta de Galicia”.
Preguntáronse, por iso, onde están os buques con drons de vixilancia para controlar o medio mariño; os medios de oceanografía operacional para determinar o movemento dos sacos no mar ou como se pode explicar que a Xunta tarde un mes en activar o plan de continxencias (CAMGAL). E manifestaron a súa sorpresa polo feito de que, ante a presión da cidadanía, emitira un informe “dicindo que é material inerte e de uso alimentario”.
Mercadorías tóxicas fronte as nosas costas
Contando só os de mercadorías tóxicas, subliñaron que 35 buques pasan, ao día, por diante das nosas costas. Por este litoral que “ten unha das maiores riquezas en biodiversidade e recursos mariños no planeta”, que “nos dá de comer e que nos identifica como país”.
Diante disto, exixiron unha xestión profesional, coordinada e transparente e maior fiscalización e control no mar dos buques que pasan polo Dispositivo de Separación do Tráfico de Fisterra.
Acusaron aos gobernos de “ocultar, mentir, negar” e de volver cometer os erros de hai 20 anos co Prestige e de ser unha vez máis a cidadanía quen tivo que resolver os problemas “sen medios de protección e sen contedores”.
Coordinación e transparencia
Por iso reclamaron a Xunta e Estado “coordinación para actuar, transparencia na información, a retirada dos sacos de péllets no mar e a achega de medios para apañalos na costa”; medios de protección axeitados para o voluntariado; contedores específicos nas praias e “transparencia sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños”.
Ao unísono, a praza do Obradoiro clamou Nunca Máis ante a situación do noso mar e de todos os océanos para que non se convertan nun vertedoiro de plásticos e exixiron á Unión Europea e á Organización Marítima Internacional que os péllets de plástico sexan declarados como mercadoría perigosa.
Xunto a isto advertiron da situación das rías galegas, que “levan décadas soportando a falta de saneamento, a falta de regulación dos caudais dos ríos”. Unha situación pola que xa as xentes do mar se estaban organizando para reclamar novamente “á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias”.
Situación crítica do marisqueo
Os colectivos convocantes advertiron da crítica situación do marisqueo en Galiza. Nese sentido lembraron que nos últimos dez anos “o devalo produtivo dos bivalvos foi alarmante”. Apuntaron a suba das temperaturas, o descenso de nutrientes nas rías e o impacto da contaminación, xunto coas caídas de salinidade pola falta de regulación dos encoros, que “crean unhas nefastas condicións para a produtividade das rías”.
Unha situación que atribuíron ao “desleixo” da consellaría do Mar e de Augas de Galicia, á que acusaron de que “as mariscadoras/es queden sen Traballo”, así como as confrarías afectadas, que quedan tamén sen entradas económicas para manterse.
Por iso advertiron do “perigo real” de que o actual modelo produtivo tradicional “desapareza e se introduza a acuicultura industrial” e exixiron que Xunta de Galicia resolva, canto antes, o saneamento das rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros, “na vez de procurar desculpas na crise climática. Ten que dar solucións aos vertidos industriais, ás deficiencias das EDAR, ás avalanchas de auga dos encoros que producen un dano irreparable ao noso marisco”.
Denunciaron que, porén, fronte ao deterioro ambiental e produtivo do noso mar, a Xunta, “na vez de asumir os problemas concretos galegos, dedicouse a aprobar leis que facilitan os recortes dos nosos dereitos ambientais e axilizan iniciativas empresariais de fóra ben depredadoras: minas, Altri, acuicultura industrial e eólicos”.
Proxectos que denunciaron que traerán máis contaminación aos ríos e ás rías e ocuparán o espazo marítimo “tanto dos nosos caladoiros e das actividades pesqueiras como das actuais concesións marisqueiras e das bateas”.
Fronte a iso, puxeron o modelo produtivo tradicional da pesca e o marisqueo que, afirmaron, “é o modelo sostible que asenta poboación e distribúe riqueza no conxunto de Galicia”.
Plan urxente de actuación
Por todo isto exixiron á Xunta de Galiza un plan urxente de actuación que inclúa un estudo interdisciplinar, independente e integral; un Plan de saneamento integral das rías; un Plan de rexeneración dos bancos marisqueiros dotado economicamente; a regulación e publicidade do protocolo de desencoros e a cobertura económica a TODO o sector do mar -mariñeiros, mariscadoras e confrarías- mentres se manteña o cese de actividade e axudas para cubrir a mortandade do mexillón.
Xunto a isto demandaron un Plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos e control sanitario das importacións de marisco, para rematar cun sonoro “en defensa do noso mar, mentiras e incompetencia Nunca Máis!”