Milleiros de persoas bótanse á rúa en defensa da atención primaria viguesa
Milleiros de persoas participaron onte na manifestación convocada pola xunta de persoal da área sanitaria de Vigo por unha atención primaria digna e para reclamar maior investimento e “profesionais suficientes para atender, con tempo, os pacientes”. A marcha percorreu o centro da cidade dende o PAC da rúa Pizarro até o farol de Urzaiz e nela participaron as distintas plataformas en defensa da sanidade pública, ademais dunha nutrida representación da CIG-Saúde.
Dende a xunta de persoal advirtiran nos días previas á mobilización que a atención primaria da área sanitaria viguesa está en “perigo extremo”, xa que o seu deterioro nos últimos meses pona “ao borde do colapso”, a pesar das continuas esixencias dos traballadores/as dos centros de saúde e dos PAC, que reclaman máis persoal de todas as categorías, maior investimento, estruturas de xestión de recursos humanos e orzamento propio, que se remate coas trabas de acceso ás probas diagnósticas e que se mellore a accesibilidade ás especialidades hospitalarias.
Neste senso, denuncian que as persoas usuarias dos centros de saúde e dos PAC son boas coñecedoras das consecuencias desta situación, “que non é nova xa que a veñen sufrindo desde antes da pandemia sanitaria, que precipitou o seu deterioro”. As plataformas locais en defensa da sanidade pública así o están a poñer de manifesto, ao igual que os distintos profesionais.
Critican tamén que os centros de saúde sigan sometidos a unha dirección centrada no hospital, que so foi modificada de xeito nominal, e que non permite que a atención primaria poida xestionar o seu orzamento e os seus recursos humanos.
“Mentres tanto as consultas dos centros de saúde seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día e con listas de espera que demostran a falta do persoal necesario para atender con calidade as demandas da cidadanía”. Ao tempo que os PAC continúan recibindo unha presión asistencial tamén insoportábel. “Nestas condicións non teremos profesionais de medicina de familia, de pediatría nin de enfermería que queiran traballar na atención primaria da nosa área sanitaria.