Miles de traballadores/as do metal marchan pola Coruña en demanda dun convenio provincial digno
Coincidindo coa sétima xornada de folga no metal, preto de 3.000 traballadores e traballadoras do sector procedentes de toda a provincia desenvolveron unha gran mobilización na Coruña en demanda dun convenio colectivo digno e con dereitos. O persoal en folga percorreu a pé os cinco quilómetros que separan Perillo (no Concello de Oleiros) da sede da patronal coruñesa na Praza de Luís Seoane, nunha marcha que discorreu baixo unha persistente choiva e acompañada dun intenso balbordo de bucinas.
A manifestación tivo un carácter central, polo que á mesma se sumaron traballadores/as procedentes das comarcas de Ferrolterra e Compostela, que se trasladaron até Oleiros en diversos autobuses. A marcha arrincaba preto da unha da tarde e por volta das dúas e media chegou a sede da patronal, onde representantes das tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) procederon á dar lectura a un manifesto no que xa se adiantou que, de non producírense avances significativos, durante o mes de setembro “intensificaremos as mobilizacións e a folga”.
Neste senso, engadiron que despois de dous anos e medio do inicio das negociacións, a intervención dun mediador e sete xornadas de folga, “a patronal fai pequenos avances cara as nosas posturas”, mais que resultan insuficientes “porque esta patronal pirata sigue instalada na lóxica negociadora de anteriores convenios”.
A este respecto, pouco antes da saída da manifestación, o Secretario Comarcal da CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño, explicaba que nestes momentos as negociacións están paralizadas, dende a última reunión coa patronal do pasado día 12 de xullo, que rematou sen ningún tipo de acordo.
"A folga está consolidada"
Sobre o seguimento da folga, dende CIG-Industria destacan o éxito total deste sétimo paro, no que grandes empresas, polígonos e mesmo os talleres dos concesionarios permanecen pechados. E iso a pesar das artimañas, das presións e das ameazas por parte dalgunhas empresas para tentar que os traballadores e traballadoras non secunden a folga. De feito, engadiu o Benedito Blanco, Secretario da CIG-Industria de Santiago, hai compañías como Cortizo ou Urovesa que adiantaron a quenda de entrada para evitar o piquete informativo.
Non obstante, “a convocatoria está consolidada, e mesmo fomos capaces de incrementar o número de traballadores/as que se adheriron á folga”, destacou Caamaño.
A táboa reivindicativa
En canto ás demandas da parte social para o novo convenio provincial do metal, dende CIG-Industria lembran que, ademais dun incremento salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido durante estes anos e un complemento para o persoal desprazo, a táboa reivindicativa inclúe cuestións relevantes, que apenas terían custe económico, pero que a patronal segue sen querer negociar.
Tal é o caso da limitación da contratación a través de ETT, eliminando a posibilidade recollida no convenio de que presten servizos en períodos punta. Esta práctica, matizan dende CIG-Industria, sirve de porta de entrada para unha fraude masiva neste tipo de contratación. Reclámase tamén maior presenza na xestión das mutuas.
Xunto a isto, unha das demandas fundamentais para este convenio pasa polo recoñecemento do dereito á subrogación do persoal das contratas de mantemento, garantido así o emprego e as condicións destes traballadores e traballadoras. Unha subrogación que, engaden, xa se está recoñecida, por exemplo, nos convenios de seguridade privada ou da limpeza e incluso noutros convenios provinciais de siderometalurxia.
De igual xeito, a parte social pide que inclúan no articulado do convenio os acordos para a industria auxiliar de Navantia na ría de Ferrol, un sector que pode chegar ás 2.500 persoas e que está marcado “polas duras condicións de traballo, os elevados índices de eventualidade e os longos períodos que ciclicamente pasan no paro”.