Meteron a man no caixa das pensións

Manuel Mera - 24 Abr 2023

O Goberno premido polos partidos á súa esquerda, esencialmente do nacionalismo da periferia dependente por mor dun sistema centralista, e dunha transferencia de recursos que era imposíbel de manter sen colocar no precipicio a todo o sistema da Seguridade Social, foi aceptando que o Estado debe asumir o 100% das prestacións non contributivas

 O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Jose Luis Escrivá, recoñecía hai uns días que segundo un informe os sucesivos gobernos, do PP e PSOE, estiveron utilizando os ingresos das cotizacións en materia de pensións dos traballadores/as en activo para fins distintos aos seus obxectivos, ou sexa o pagamento das xubilacións daqueles/as que cotizaron. Concretamente, utilizáronse recursos para fins que non tiñan relación cos obxectivos das prestacións contributivas, como foron: os complemento das pensións mínimas, bonificacións das cotas das novas contratacións, prestacións sanitarias, nacemento de fillos/as, etc.

 Ao respecto o Informe da Seguridade Social e Financiamento do Estado, recoñece que ese contía debería ser cuberta por impostos. Non foi así. E algúns dos medios que tratan o tema destacan acertadamente que: “eses 140 mil millóns terían sido dabondo para eliminar a débeda da Seguridade Social con Estado desde 1999 (106.178 millóns) e aínda restarían 30 mil millóns para o peto das pensións”. Un dato, estes recursos desviados da súa finalidade, sen consentimento das persoas directamente afectadas, ou sexa os/as traballadores que cotizaron durante a súa vida laboral, darían para pagar máis dun ano de pensións.

 Segundo o informe nos últimos trinta anos empregáronse con estes fins 140 mil millóns de euros, que se restaron recursos ás prestacións contributivas. Concretamente: 30.991 millóns á sanidade entre os anos 1989 e 1998; complemento para as pensións mínimas 51.890 millóns entre 1999 e 2013; achegas ás cotas para a creación de emprego 15.163 millóns entre 1991 e 2022; e prestacións por nacemento de fillos-fillas 39.305 millóns entre 1991 e 2000. Tamén se contemplan neste análise o superávit das prestacións dos asalariados/as e os déficit do gasto dos autónomos/as? Sumemos a todo isto que as xubilacións contributivas normalmente subiron por debaixo do IPC, a situación de dependencia en moitos casos que implica un gasto importante dos ingresos e aforros, e que os/as pensionistas ademais son unha axuda importante para a poboación activa desempregada ou con baixos ingresos.

 En fin, fíxose unha perversa socialización no seo da clase traballadora a custa de repartir entre os sectores máis débiles da sociedade, evitando tocar os ingresos das clases medias altas, e garantindo deste xeito a tendencia crecente do aumento dos beneficios das corporacións e grandes fortunas. Recoñecelo agora non ten moita eficacia, mesmo amosa unha certa necidade, máxime cando xa é imposíbel seguir utilizando este medio por falta de recursos para reducir a marxinalidade social.

 O Goberno premido polos partidos á súa esquerda, esencialmente do nacionalismo da periferia dependente por mor dun sistema centralista, e dunha transferencia de recursos que era imposíbel de manter sen colocar no precipicio a todo o sistema da Seguridade Social, foi aceptando que o Estado debe asumir o 100% das prestacións non contributivas. Vale, é o xusto, aínda que custou, non se fixo por vontade propia. Estes datos poñen en cuestión a privatización do sistema, aínda que sexa parcial. Outro debate son as reducións de cotas para determinados contratos, unha subvención encuberta á patronal, que se cinicamente se vende como un incentivo á creación de emprego.

 

[Galiza, 24 de abril de 2023]