
Membros da CIG e do comité das obras de acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña péchanse nas oficinas da empresa

Despois de meses reclamando melloras laborais e de seguranza, e tras semanas denunciando a inacción da empresa ante unha agresión racista, na mañá de hoxe a representación do persoal, xunto con varios membros da CIG, pechouse nas instalacións da UTE que executa as obras de acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña para protestar pola falta de solucións ante a multitude de problemas expostos unha e outra vez polo comité, e para esixir a expulsión da persoa responsábel dunha agresión racista.
No medio ano transcorrido desde a constitución do comité, coa intención de negociar en boa fe, o órgano de representación formulou unha e outra vez distintas problemáticas que se foron dando no desenvolvemento dos traballos, tanto en materia de seguridade e saúde, como no relativo ao goce de vacacións, pago dos salarios e retencións, etc. Porén, todas estas cuestións que xa se trasladaron en reiteradas ocasións non están sendo atendidas por parte da empresa, “polo que practicamente estase a converter en rutina chegar á seguinte reunión coa mesma orde do día da anterior”.
Se ben isto xa é de por si grave, nas últimas semanas precipitouse o malestar do comité pola negativa da empresa contratista a apartar das obras á persoa responsábel dunha agresión racista a un operario da UTE. A empresa principal conformouse con que a subcontrata para a que traballa o agresor (TECOZAM) lle abrira un expediente, malia que o comité esixiu desde o primeiro día que se apartara a esta persoa das obras cando menos de maneira cautelar.
Todo isto está a acontecer nunha das maiores obras públicas no noroeste peninsular nas últimas décadas, con 140 millóns de euros de fondos públicos, e baixo a supervisión de ADIF e do Ministerio de Traballo. Por iso, o comité xa non está disposto a seguir esperando máis tempo a que se lle tome en serio, e acordou pecharse esta mañá nas oficinas da UTE que executa os traballos, situadas nas inmediacións do acceso ao Porto Exterior.
As reivindicacións do persoal son as seguintes:
- Expulsión inmediata do encargado de TECOZAM responsábel da agresión racista.
Abono regular do salario pactado a todo o persoal, sen os descontos arbitrarios que vén aplicando cada mes ao persoal. - Asunción pola empresa dos prexuízos causados ao persoal por non terlle aplicado correctamente as retencións de IRPF en 2024.
- Recoñecemento do dereito aos 30 días anuais de vacacións de todo o persoal, tamén sen merma salarial.
- Acometemento inmediato de todas as melloras de seguridade demandadas polo comité, priorizando a protección colectiva diante da individual.
- Retirada de todas as represalias contra o comité e o persoal que reclamou e reclame os seus dereitos.
De non atendérense estas reclamacións, o comité non descarta ningún tipo de medida de presión até conseguir condicións de traballo dignas e seguras na obra de acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña.