Medra a participación na segunda xornada de folga no Metal da provincia da Coruña
CIG-Industria valora moi positivamente o seguimento na segunda xornada de folga do Metal da provincia da Coruña. A participación foi moito máis ampla que na xornada anterior, que xa fora un éxito, porque a inmensa maioría de traballadores e traballadoras sumáronse aos piquetes que desde primeiras horas percorreron os polígonos industrias da Coruña, Ferrol e Compostela e ás manifestacións posteriores.
Intensificar as protestas
Desde a última mobilización do día 5 até hoxe a patronal non fixo ningún achegamento, nin realizou chamada algunha aos convocantes da folga. Por iso o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que desta volta participou nas mobilizacións de Compostela, fixo un chamamento a que nas próximas xornadas se intensifiquen máis as protestas e que as traballadoras e traballadores do sector participen masivamente na manifestación convocada na Coruña, que terá lugar o vindeiro día 18 de maio, con saída ás 12:00 horas desde a rotonda de Santa Cristina até a sede da patronal en Monelos, coincidindo coa terceira xornada de folga.
Bouzas considerou imprescindible presionar á patronal “para que entre en razón” e se atendan as demandas do sector que se resumen en garantir un incremento salarial que manteña o poder adquisitivo dos salarios, dereito á subrogación e un convenio con dereitos. Xunto a isto rexeitou as pretensións da patronal que pretende un convenio cunha vixencia de 6 anos no que se introduza a fórmula de revalorización salarial desligada do IPC anual real e a flexibilidade.
Valoración nas comarcas
Pola súa banda Eduardo Caamaño, secretario da CIG-Industria na Coruña, valorou que a folga "está sendo de novo un éxito", adiantando que as mobilizacións continuarán "mentres a patronal non retire da mesa a súa última proposta. En ningún momento nos negamos a negociar pero tampouco imos deixar de mobilizarnos. Despois de dous anos e medio sen avances hai que dar un golpe cuantitativo na mesa e se non existe resposta por parte a patronal incrementar a loita".
Caamaño atribuíu a participación masiva na folga e nas mobilizacións a que "os traballadores e as traballadoras entenden perfectamente a necesidade de actualizar os salarios conforme ao IPC e ampliar a subrogación a todo o sector para avanzar na eliminación da precariedade". A este respecto engadiu que pedir o IPC neste momento de forte medre da carestía "é unha demanda máis que asumíbel cando ademais as empresas están repercutindo este incremento nos seus produtos e servizos".
O secretario da CIG-Industria da Coruña tamén quixo denunciar as represións e coaccións que algunhas empresas están a facer ao seu persoal, especialmente cos traballadores e traballadoras eventuais e en condicións máis precarias e mesmo se produciu algún despedimento que finalmente non se efectivizou.
De igual maneira, a CIG tamén quere amosar a súa total condena á desproporcionada, brutal e inxustificada actuación policial (acontecida cando xa estaba rematada a manifestación que transcorreu con total normalidade e sen incidencias), para deter un traballador ao que mantiveron retido en comisaría varias horas.
Na mesma liña, o secretario da CIG-Industria de Ferrol salientou o rotundo éxito da folga e insistiu en que "non estamos mendigando, estamos reclamando recuperar o poder adquisitivo dos salarios agora e non dentro de catro anos como propón a patronal, e conseguirémolo sempre que esteamos unidos e unidas e sigamos loitando".
Por iso, na asemblea-concentración realizada no Polígono da Gándara a media mañá, Vidal animou a todos os traballadores e traballadoras a secundar as dúas xornadas de folga convocadas para a vindeira semana e a participar na manifestación da Coruña "para dar un golpe e demostrarlle á patronal que estamos decididos a conseguir as nosas reivindicacións".
Á pregunta de quen vai acudir á manifestación do xoves, a resposta foron mans alzadas ao unísono.
Tamén Benedicto Blanco, secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, salientou a abrumadora participación das traballadoras e traballadores, que obrigaron á inmensa maioría das empresas a pechar as súas portas. Mais tamén denunciou as presións que grupos como Pérez Rumbao están a exercer sobre o seu persoal con “ameazas e mentiras”.
Blanco asegurou que esta empresa chegou a “chamar a capítulo” ás traballadoras e traballadores que participaron na folga convocada o pasado xoves día 5. “Dixéronlles que non lles afectaba porque estaban pagándolles por enriba do convenio”.
O secretario de CIG-Industria de Compostela non descartou “outras accións” se despois das dúas xornadas de folga que restan a patronal mantén a mesma actitude. “Teremos que sentar a falar entre nós para tomar unha decisión, porque non podemos permitir que empeoren as nosas condicións”.