Mariscadores/as da Ría do Burgo reclaman coñecer o proxecto final do dragado, avances na licitación e clarificar as compensacións
Representantes da agrupación de mariscadores/as da Ría do Burgo concentráronse este venres diante da Delegación do Goberno para esixir unha solución definitiva ante o continuado atraso na posta en marcha do plan de dragado e rexeneración da ría. Tres anos despois de rematar o período de presentación de alegacións, o colectivo segue sen recibir resposta da administración, mentres se agarda unha data para a licitación das obras sen que se coñeza cal é o proxecto final.
Manuel Baldomir, voceiro do colectivo de mariscadores/as de a pé, denuncia que os continuados conflitos entre a administración estatal e a autonómica teñen provocado unha demora inxustifica do dragado da Ría do Burgo, deteriorándose cada vez máis esta zona e perdéndose unha actividade marisqueira moi importante. "Pedímoslle a Xunta e ao Goberno español que movan ficha e se deixen de disputas, porque teñen os fondos europeos para sacar adiante o proxecto, que liciten dunha vez por todas o dragado da ría do Burgo e que nos respondan as alegacións presentadas", demandou Baldomir.
Por iso, ademais da concentración, remitiron escritos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Delegación do Goberno demandando que se resolvan de inmediato todos os trámites administrativos e as dotacións orzamentarias necesarias para a licitación e arranque das obras; e que o proxecto contemple "o contido das alegacións presentadas no seu día pola Confradía de Pescadores da Coruña e de forma conxunta por todos os integrantes da Mesa da Ría (Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo e concellos de Oleiros, A Coruña, Cambre e Culleredo)".
Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou da protesta, subliñou que o contido das alegacións está plenamente vixente, tendo en conta que se referían ás cuestións como orzamento e prazos de execución; o plano de actuación xa que hai zonas do dragado que non se comtemplan; as solucións e compensacións ás persoas adicadas ao marisqueo ante a imposibilidade de simultanear os traballos da obra e da actividade produtiva; a elaboración dun plano de vixilancia, restauración ecolóxica e protección do ecosistema, posto que se van mover grandes cantidades de lodos; así como a creación dunha comisión de seguimento con carácter previo ao inicio das obras.