Marga Corral: "Este 8 de Marzo será lembrado como o da revolta das mulleres"
Coa imaxe da extraordinaria resposta das mulleres galegas á convocatoria de folga deste 8 de Marzo aínda na retina, a secretaria confederal das Mulleres da CIG insta a seguir combatendo as políticas regresivas contra os nosos dereitos nos centros de traballo, nos nosos fogares e na rúa. E fai un chamado a participar nas mobilizacións que a central sindical ten convocadas en Ferrol e Vigo para este sábado 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.
Manifestacións 10 de Marzo
- Ferrol: ás 12h dende o local do sindicato (Avda. do Esteiro) até o monumento ao 10 de Marzo, onde ser realizará a tradicional ofrenda floral.
- Vigo: ás 12h, dende o cruce da Dobrada
A xornada de mobilización de onte, valora Margarida Corral, "só ten comparación na historia do noso país co movemento social que supuxo Nunca Máis, que foi capaz de reunir a milleiros de persoas baixo unha mesma reivindicación, mais neste caso concreto protagonizado de xeito rotundo polas mulleres que foron as que ocuparon o espazo público, enchendo as rúas, desbordando as prazas e colapsando as cidades e vilas da Galiza".
Para Margarida Corral, este 8 de Marzo foi "unha demostración da capacidade mobilizadora que temos as mulleres". As galegas secundaron masivamente a folga convocada pola CIG en cada unha das quendas laborais. A formula escollida garantiu que as traballadoras puideran abandonar o seu posto de traballo nun determinado momento da xornada, saíran ás portas a protestar, e percorreran xuntas as rúas das cidades e vilas en loita polos seus dereitos. "Foi o peche histórico a moitos meses de intenso traballo preparando a convocatoria de folga, cuxa conta atrás comezamos o pasado mes de novembro", aseverou.
Pero esta loita nin comezou nin remata co 8 de Marzo. A resposta que a clase traballadora galega, e as mulleres en particular, debemos dar ás agresións da patronal e dos gobernos do Partido Popular continúa máis aló desta conmemoración. De feito na xornada deste sábado, a CIG, como cada ano, ten convocadas mobilizacións con motivo do Día da Clase Obreira Galega en Ferrol e Vigo, para esixir a derrogación de todas a contarreformas que nos impuxeron e na defensa dun emprego, duns salarios e dunhas pensións dignas.