Mantense a convocatoria de folga en Valoriza Auga ao presentar a empresa unha oferta "insuficiente"
Os traballadores de Valoriza Auga acordaron mantén a convocatoria de folga indefinida a partir do luns 19 de novembro, logo de que na xuntanza desta mañá, a empresa presentara unha oferta insuficiente que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos oitos anos.
"Claramente, a proposta que trouxo a empresa non responde ás reivindicacións dos traballadores, é apenas unha variación da oferta que puxo enriba da mesa o pasado mes de xuño", lamenta o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira. Así explica, a dirección estaría, por primeira vez, disposta a aceptar o incremento que demanda a parte social do 1.75% para cada ano de convenio (2018-2020), con cláusula de revisión, "pero seguimos moi distantes no resto das reivindicacións".
Así ocorre coa demanda de creación dun complemento anual nunha porcentaxe sobre o salario base do 25% para 2018, o 50% en 2019 e do 75% en 2020. "Isto permitiría recuperar o poder adquisitivo perdido neste oitos anos de conxelación salarial. Pero a empresa só estaría disposta a asumir unha suba do 25% para cada un dos anos de vixencia do convenio", explica Filgueira.
No que a dirección de Valoriza Auga nin sequera quere entrar a falar é nos puntos referidos ao incremento do prezo da hora extraordinaria e da xornada laboral en festividades sinaladas e do plus de limpeza de depósitos, ou establecer un complemento de retén e de cualificación profesional.
Servizos mínimos abusivos
Ante a falta de avances substancias que permitan chegar a un acordo e sen nova convocatoria da mesa de negociación á vista, o persoal ratificou nas asembleas celebradas esta tarde a convocatoria de folga indefinida que se fará efectiva dende as 8:00 horas do luns 19.
Filgueira amosou tamén a súa discrepancia cos servizos mínimos impostos pola empresa, ao entender que son abusivos e vulneran o dereito á folga dos traballadores/as, xa que obriga a estar activos dous camións por quenda, cando nas anteriores folgas estableceu un vehículo por quenda laboral. Por iso a CIG vai recorrer os servizos mínimos.
Diante desta situación, a representación social lanza un novo chamado á titular do contrato, EMALCSA, a ao Concello da Coruña para que interveñan neste conflito e presionen a empresa para que negocie un convenio colectivo digno que permita a estes traballadores recuperar os seus dereitos.