Manifestación en Compostela polo convenio galego do transporte en ambulancia
As traballadoras e traballadores do sector de transporte en ambulancias sairán en manifestación ás 11:00 horas da mañá deste xoves día 1 de decembro, desde a Praza Roxa, en Compostela, en demanda da negociación do convenio colectivo. O sector contará, na mobilización, co apoio de representantes dos bombeiros/as comarcais, como parte do grupo de empresas que prestan servizo de emerxencias.
A FGAMT-CIG denuncia que a patronal do sector do transporte de ambulancias paralizou a negociación do convenio logo de varias reunións “onde se dedicou a perder o tempo”. A isto engade que a actitude da patronal contou co coñecemento “e complicidade” da Xunta de Galiza, da consellaría de Sanidade e da Fundación de Emerxencias 061.
A FGAMT asegura que nos últimos concursos do transporte en ambulancia, a Xunta deulle a concesión a empresas que puxaron por debaixo do prezo de custe até o 12% e que agora “queren que os traballadores paguen esa rebaixa do seu lombo”. “Aínda hai empresas onde o persoal fai máis de 50 horas extra ao mes, normalmente sen cobralas; onde non teñen as vacacións regulamentarias, onde o persoal con contrato en prácticas cobra menos de 800€; onde as bases para a permanencia do persoal no reúnen as condicións axeitada e onde, entre outras cuestións, non se desinfectan os uniformes”.
A FGAMT-CIG fai un chamamento ao sector a mobilizarse para defender o seu convenio e pelexar pola súa profesionalización e dignificación. “Non podemos consentir que haxa un lote de traballadores e traballadoras con contrato en prácticas e cun salario rebaixado nun 40%”.
Esta profesionalización entende que pasa tamén por un salario digno, que impida que os traballadores/as teñan que facer horas para poder levar diñeiro suficiente a fin de mes. Por iso a CIG, ademais da suba salarial, reivindica a terceira paga extra, que foi suprimida no anterior convenio.
Xunto a estas cuestións demándase unha mellora da prevención de riscos laborais nas empresas. “Todo o mundo sabe que ao cabo do ano son un montón os compañeiros/as que se lesionan ou enferman por culpa do traballo”.