Máis do 90% do persoal de Abai na Coruña secunda a folga contra o ERTE
Máis do 90% das traballadoras e dos traballadores do centro que Abai Business Solution ten na Coruña están secundando este martes a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polo comité en rexeitamento ao ERTE formulado pola empresa. Aproveitando o paro, o persoal saíu en manifestación dende as oficinas da compañía no barrio de Matogrande ao berro de "este ERTE ímolo parar".
O expediente de regulación temporal de emprego afectará a 341 persoas traballadoras en todo o Estado español, 70 delas no centro da Coruña, o que supón arredor dun 20% da afectación total. "Para xustificar este ERTE, a empresa argumenta que se lle acabaron as campañas, e que hai unha diminución da campaña de Movistar, pero non acredita de maneira clara e fidedigna esta situación. Polo que sospeitamos que se trata dunha manobra para tentar alixeirar o cadro de persoal", valoraba Julián Pérez, delegado da CIG no comité de Abai.
Pérez apuntou ás dificultades económicas que lles suporá ao persoal afectado manterse tanto tempo no desemprego (a duración da suspensión dos contratos formulada por Abai é de até 12 meses), nun sector no que os salarios apenas están por enriba do SMI e existe unha elevada parcialidade. "O que tememos é que as persoas que vaian ao ERTE acaben buscando outro traballo e causando baixa voluntaria na empresa, que se aforraría así ter que pagar as indemnizacións".
Neste senso, o representante da CIG rexeitou os argumentos ofrecidos por Abai no período de negociacións, xa que alega unha baixada no volume de chamadas, "mais sen referirse ao tempo medio das chamadas, porque cada vez a atención á clientela é máis complexa. Tampouco falan dos servizos nos que si puido haber un incremento de chamadas e ademais a documentación que nos trasladaron resulta incongruente coa información que nos deron trimestralmente, na que sempre aseguraron que as campañas mantiñan a mesma tendencia de produción e evolución. Agora atopámonos con isto", denunciou.
Dentro das reunións do período de consultas, que remata o día 21, o comité tamén lle solicitou á dirección que aclare que pasou co contrato de 13,8 millóns de euros que, segundo fontes de Abai, lle adxudicou a Xunta de Galiza para o servizo de rastrexo da Covid19, cunha duración de 12 meses. Pero este servizo, aclararon, apenas estivo en funcionamento 6 meses e aínda que lle foi demando, "a dirección de ABAI nunca facilitou unha copia do contrato coa administración galega nin ningún documento que acredite que o Goberno resolveu o mesmo antes de tempo".
Folga o luns 19 e concentración no Obelisco
Para o próximo luns 19 está convocada outra xornada de folga e unha nova mobilización, mais desta volta será ás 20h no Obelisco. A representación da CIG anima a todo o persoal a participar no paro xeral e na protesta para darlle unha resposta contundente á empresa e defender a continuidade dos empregos na plataforma da Coruña. A este respecto lembran que antes do ERE do ano 2016, neste centro traballaban preto de 1000 persoas, mentres que agora son pouco máis de 500.