Máis do 60% do persoal apoia coa súa sinatura a campaña por un convenio galego para os centros de menores
Delegados e delegadas da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, presentaron este luns 505 sinaturas recollidas en menos de un mes entre o persoal que traballa nos centros de reforma xuvenil e de protección de menores, a maioría baixo o paraugas de fundacións e de entidades sen ánimo de lucro que se vén limitados por un convenio estatal no que, nalgúns casos, se recollen conxelacións salariais de máis de 10 anos.
A entrega de sinaturas estivo enmarcada nunha concentración fronte á Consellaría de Política Social, dado que unha das reivindicacións que se inclúen no escrito dirixido á súa titular, Fabiola García, é manter unha reunión para abordar a situación destes centros a nivel galego, que na opinión da CIG-Ensino tiñan que ser de titularidade pública dada a enorme función social que realizan.
Este luns tivo lugar en Santiago unha concentración de delegados e delegadas da CIG-Ensino que traballan nos arredor de 60 centros de protección de menores e de reforma xuvenil existentes en Galiza e que, como explicaron aos medios unha representación dos mesmos, son moi diversos tanto na súa concepción como na tipoloxía e no número de usuarios e usuarias que atenden.
Hai desde centros de reforma pechados, pensados para menores que non poden cumprir penas de privación de liberdade por tema de idade; abertos, que teñen unha función de intervención educativa; puntos de encontro familiares, centros de protección de menores en situación de desamparo que están baixo a tutela da Xunta, vivendas tuteladas para cando acadan a maioría de idade…
Toda esta diversidade e o feito de que cada un deles dependa de organizacións sen ánimo de lucro e de fundacións diferentes fai moi difícil que haxa unha unanimidade nas súas condicións laborais cando a formación (psicoloxía, pedagoxía, educación social, traballo social…) e o traballo desenvolvido polo seu persoal é moi semellante.
Tamén puxeron de manifesto a disparidade de condicións laborais que teñen ao respecto de quen traballa nos escasos centros de titularidade integramente pública que existen en Galiza. Dúas das persoas que interviñeron no acto foron Germán Estévez, presidente do comité de empresa do Centro de Reeducación Monteledo, de Ourense, ou Vanesa Cernadas, traballadora do Centro de Internamento en Medio Aberto (CIEMA) da Coruña.
Precisamente todos coincidiron en destacar que a súa profesión “é algo moi vocacional pero que isto non é voluntariado nin ten que depender da beneficiencia, como acontecía no pasado, senón que é unha pata fundamental do eido social, moi invisibilizada na sociedade, e que os traballadores e traballadoras teñen que ter dereitos laborais acordes á súa responsabilidade”.
Ao respecto dos centros de reforma xuvenil lanzan unha pregunta á opinión pública e ás administracións. “A ninguén se lle ocorrería propoñer a privatización dos cárceres e, sen embargo, aqueles menores que teñen condenas xudiciais pero que non poden estar en prisión e que teñen unha condición moi vulnerábel si están en institucións privadas, por moito que se trate de fundacións ou entidades sen ánimo de lucro”.
Nos últimos anos ademais a prestación do servizo de protección de menores está recaendo en empresas multiservizos que ven neste sector outro negocio como calquera outro cando, como apuntaba o responsábel do sector de Ensino Privado da CIG-Ensino, Henrique García, “trátase da parte máis desprotexida da nosa sociedade e que a Consellaría de Política Social non pode xestionar como meros números, de aí que pidamos unha entrevista coa conselleira para que sente a todas as patronais en Galiza e se avance nun convenio galego nun primeiro momento e despois se aborde a integración no sector público de todos estes centros”.
Segundo estimacións do sindicato, aínda que as cifras son moi volátiles, en Galiza hai milleiros de menores atendidos nestes 60 centros que, malia estaren moitos deles baixo a tutela da Xunta, son de titularidade privada ou de fundacións, pero que se financian case en exclusiva de fondos públicos.
Neles traballan por volta de 800 traballadores e traballadoras que ven como, ademais de que economicamente foron perdendo poder adquisitivo, nalgún caso con conxelacións salariais desde hai unha década, non se están a cubrir as baixas ou vacacións, se teñen que enfrontar cada vez máis a ratios máis altas (e poñen como exemplo que un mesmo educador ou educadora non pode atender ben a 6 ou 7 rapaces á vez), non contan cos pluses de perigosidade e nocturnidade que lles corresponden etc.
Campaña “Convenio galego xa”
Ao remate da concentración Henrique Rodríguez e outros 4 delegados e delegadas entraron no rexistro da Xunta para entregar as 505 sinaturas recollidas en apenas 3 semanas entre o persoal destes centros, o que representa o apoio a esta campaña de máis do 62% do total.
No texto desta iniciativa recóllese expresamente a solicitude de contar con un convenio galego que dea resposta ás necesidades e demandas laborais do seu persoal pero tamén a unha mellor atención dos usuarios e usuarias deste servizo social.
No documento reitérase a necesidade de que a conselleira de Política Social tome nota dunha realidade que é da súa competencia e que ten oculta e invisibilizada “con parches que non resolven a situación de vulnerabilidade deste sector, tanto no ámbito laboral como no educativo-social”.