Máis de 600 delegados e delegadas da CIG mobilízanse en Ferrol en apoio á loita do persoal de Maitours
Mais de 600 delegados e delegadas da CIG de todo o país participaron este mércores nunha xornada nacional de loita en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Maitours, que levan en folga indefinida dende o 15 de xullo para exixirlle á empresa (do grupo Alsa) que comece dunha vez a aplicarlles o convenio colectivo do sector. Pero con esta xornada de reivindicación tamén se quere denunciar a inacción da Xunta de Galiza como responsábel dos contratos, o pasotismo do Concello de Ferrol e a falta de dilixencia da autoridade laboral para facer cumprir a normativa vixente.
Esta xornada nacional de mobilización da CIG constitúe un acto de forza e solidariedade co persoal de Maitours cando se cumpren 115 días do inicio da folga indefinida. Unha loita que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualificou de “exemplo de resistencia”, a pesar dos abusivos servizos mínimos impostos, o abandono da Xunta de Galiza e a reiterada negativa da empresa a sentar a negociar.
Critica que a administración galega, titular dos contratos do transporte público en autobús, permita actuacións pirata dunha empresa como esta “que ten os seus traballadores e traballadoras con condicións inferiores ás do convenio colectivo provincial”. Carril lamenta tamén a falta de dilixencia da autoridade laboral na resolución das denuncias presentadas “cando o Estatuto das persoas traballadoras marca que as condición dun convenio de empresa non poden ser inferiores ás do convenio sectorial”.
Hai que lembrar que o persoal de Maitours, a diferenza dos compañeiros e compañeiras de Intercar -a outra empresa que forma a UTE que presta as liñas de autobús metropolitano de Ferrol-, está regulado polo convenio da extinta Tranvías de Ferrol, con salarios máis baixos e peores condicións de traballo.
Resistir no conflito
Neste contexto, explica o secretario xeral, a CIG acordou facer esta xornada de loita na que delegadas e delegados de todo o país participaron primeiro nunha asemblea informativa no Centro Cultural Carvalho Calero e despois saíron en manifestación até o edificio da Xunta de Galiza, “demostrando que hai que resistir, intensificar a mobilización e poñer enriba da mesa todas as reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Maitours”.
Ante o inmobilismo de Alsa, Carril aseverou que a aposta clara polo conflito “é o único que vai permitir que as administracións dean a solución que estamos demandando”. De aí que, con esta xornada, engadiu, "queremos lanzar tamén unha mensaxe clara de que a capacidade de resistencia dos traballadores e traballadoras, de loita e de mobilización da CIG e o seu modelo sindical están presentes neste conflito. E non hai máis alternativa que continuar até conseguir que se garanta esa legalidade que nestes 115 días vén reclamando o persoal de Maitours".
Considera inadmisíbel que nunha área metropolitana como a de Ferrol “unha empresa incumpridora da normativa laboral faga o que lle peta co servizo mentres a Xunta de Galiza non fai valer as cláusulas do contrato e non obriga a Alsa a cumprir as condicións recollidas nos pregos” que estabelecen que as adxudicatarias teñen que respectar a lexislación laboral.
Por iso, reclámalle a Alsa que, de inmediato, lle aplique ao persoal de Maitours o convenio provincial de transporte de viaxeiros/as por estrada, “que ten prevalencia sobre o convenio de empresa”.
Apunta que esta prevalencia foi unha das poucas cuestións que mudaron na última reforma laboral sobre a aprobada por Rajoy en 2012 que “segue plenamente vixente”. “Xa é o colmo que a autoridade laboral nin sequera estea facendo valer este aspecto”, denunciou.
O secretario xeral da CIG puxo en valor as numerosas accións de protesta realizadas polos traballadores e traballadoras nestes 115 días de folga, así como as mobilizacións solidarias e as protestas convocadas pola central nacionalista noutras cidades como Pontevedra ou A Coruña.
A loita do persoal de Maitours continúa, á espera de que a Inspección resolva nestes días as reclamacións presentadas, que o Concello de Ferrol se decida por fin a iniciar algún tipo de actuación, e que dirección xeral de Mobilidade aclare (nunha reunión prevista para a próxima semana) se ten intención de revogar a concesión ou, do contrario, facer valer os pregos de condicións do contrato.
A patronal sectorial atrasa a sinatura do convenio
No decurso da asemblea interviñeron tamén a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, a secretaria comarcal da FGAMT-CIG, Bea Fernández, e o responsábel do sector de Transportes da central, Xesús Pastoriza, quen destacaron o enorme esforzo e a resistencia dos traballadores e traballadoras de Maitours e a necesidade de manter o conflito para lograr as reivindicacións xustas que se reclaman con esta folga.
Neste sentido, denunciouse o abandono das administracións, nomeadamente da Xunta, cómplice e consentidora nos incumprimentos laborais, e do Ministerio de Traballo que non fai cumprir a legalidade. A respecto do Concello de Ferrol, o secretario xeral, lamentou que "estea disposto a permitir que se maltrate os traballadores e traballadoras que fan posíbel que haxa un servizo público tan importante como o transporte de viaxeiros/as para favorecer a unha empresa; sen importarlle que haxa unhas condicións precarias de traballo e un pésimo servizo á cidadanía".
Tamén se puxo o foco no papel que está a xogar a patronal maioritaria neste conflito (da que Alsa forma parte), ao demorar sen xustificación a sinatura do novo convenio provincial da Coruña, a pesar de que as táboas salariais xa foron publicadas e resto do articulado xa está acordado. A publicación do convenio actualizado suporía para Alsa ter que aplicar o marco regulador provincial, pois así o determinou unha sentenza xudicial.